O século XXI avanza infestado de múltiples e complexas crises; as consecuencias sobre a vida de millóns de persoas son enormes, especialmente para quen xa vivían en situacións de vulnerabilidade extrema. Se algo debería deixarnos claro esta época é a urxente necesidade de reforzar políticas públicas que garantan os dereitos humanos, a paz, a protección do medio ambiente e a igualdade de oportunidades para tódalas persoas. Unha desas políticas, sen dúbida, é a cooperación.
Atopámonos en plena reforma do sistema de cooperación. Este momento debería ser aproveitado para garantir un sistema que responda con rigor e responsabilidade aos enormes desafíos que enfrontamos. Iso pasa, necesariamente, por asegurar que a loita contra a pobreza e a desigualdade, a axenda feminista e ecoloxista, o respecto aos dereitos humanos e a defensa do espazo cívico e democrático son os obxectivos centrais. Esixe tamén contar cun orzamento á altura de tales desafíos. O Goberno de coalición comprometeuse a deixar atrás a “década perdida da cooperación” e a alcanzar o 0,5% ao final da lexislatura. Mentres, en Galicia verá a luz un novo Plan Director de Cooperación Galega, no que se deberán dar pasos decididos nos compromisos orzamentarios.
A necesidade de garantir dereitos ás persoas cooperantes
A nova Lei de cooperación internacional para o desenvolvemento sostible e a solidariedade global verá a luz previsiblemente antes de finalizar o ano. Unha das importantes pezas do desenvolvemento lexislativo posterior é o Estatuto das persoas cooperantes que substituirá ao de 2006. Desde entón, moitas cuestións que condicionan o noso traballo cambiaron, por iso é imprescindible que se dea resposta aos retos que enfrontan actualmente os e as cooperantes.
A quen afecta este Estatuto? Afecta as persoas que se dedican profesionalmente á cooperación ao desenvolvemento e á axuda humanitaria fóra do noso país. Iso inclúe a quen traballa en ONG de Desenvolvemento, pero tamén a persoas que traballan en organismos públicos ou privados dedicados a estes fins. Segundo datos da AECID, son unhas 2.700 persoas.
Cooperantes nas nosas organizacións
Segundo o último Informe do Sector das ONG de Desenvolvemento, 522 persoas traballan como cooperantes nas nosas organizacións; 57% delas son mulleres. Presentes en 115 países, lembran que é clave garantir os dereitos laborais e a protección das persoas que traballan en cooperación e axuda humanitaria. Unha demanda que é fundamental para asegurar que realizan o seu traballo en condicións adecuadas, con menos riscos e co respaldo legal pertinente.
O novo Estatuto debe garantir a protección do persoal humanitario en contextos que son moi inestables ou en situacións de conflito. Ademais, debe facilitar os requisitos burocráticos que actualmente dificultan o acceso de cooperantes ás comunidades afectadas polas crises. Nese sentido, debe fomentar maior implicación das Embaixadas e da Cooperación Española para asegurar que a situación migratoria das persoas cooperantes non é ambigua con respecto á normativa migratoria do país no que traballan.
Conversamos con catro cooperantes que traballan en distintos lugares do mundo. Analizan o contexto da rexión na que se atopan e explican as súas propostas para o Estatuto das persoas cooperantes.
Colombia. Ignacio Diéguez Vodas, ISCOD.
CONTEXTO. Entre 1985 e 2018, segundo datos do informe final da Comisión da Verdade, rexistráronse en Colombia polo menos 450.664 homicidios resultado do conflito armado interno, na súa inmensa maioría civís. A estas mortes hai que sumarlles millóns de vítimas doutras violacións de dereitos humanos como desprazamentos forzados, recrutamento de menores ou violencia sexual. Tras a firma dos Acordos de Paz en 2016 continuaron os ataques e asasinatos de activistas sociais, sindicalistas, líderes e lideresas comunitarios e defensores e defensoras de dereitos humanos. Ademais, Colombia é o segundo país máis desigual de América Latina, con enormes brechas entre homes e mulleres, zonas urbanas e rurais e persoas ricas e pobres.
Iscod traballa, xunto con organizacións sindicais e ONG colombianas, en distintas rexións do país para incrementar as oportunidades socioeconómicas da poboación nova, loitar contra a violencia de xénero e mellorar os servizos públicos e comunitarios de atención a sobreviventes, con especial atención a mulleres desprazadas e ao colectivo LGTBI, e para fomentar unha cultura de paz con xustiza social.
PROPOSTAS. Como cooperante, Diéguez demanda que as institucións españolas cumpran cos seus compromisos internacionais e aposten por alcanzar canto antes o 0,7% da RNB para AOD. Así mesmo, defende a importancia de apostar por iniciativas que fomenten a paz e o desenvolvemento socioeconómico xusto, igualitario e sostible. Con respecto ao novo Estatuto das persoas cooperantes, defende que este debería achegar melloras nas condicións laborais e vitais deste colectivo con medidas que apoien a conciliación da traxectoria profesional e familiar.
Ucraína. Imran kan, Médicos do Mundo.
CONTEXTO. A crise humanitaria en Ucraína agravouse desde o pasado 24 de febreiro. Os ataques destruíron vivendas e infraestruturas e provocaron un forte desprazamento da poboación, sobre todo no norte, o leste e o sur do país. A saúde das persoas viuse gravemente afectada: a prestación de servizos sanitarios básicos está en perigo e a saúde mental, moi deteriorada. Segundo estimacións de Nacións Unidas, 12,1 millóns de persoas necesitan asistencia médica. O persoal sanitario en primeira liña corre un grave risco xa que se produciron máis de 480 ataques a instalacións sanitarias.
A vulnerabilidade das mulleres, dos nenos e nenas e dos grupos historicamente marxinados aumenta cada día. A poboación afectada polo conflito ten un acceso moi limitado aos servizos de emerxencia, á medición especializada, á asistencia en materia de saúde sexual e reprodutiva. A interrupción da subministración de medicamentos, a falla de equipos, a destrución das farmacias e a falla de fondos agrava a situación.
Presente en Ucraína desde 2015, Médicos do Mundo presta servizos sanitarios esenciais, consumibles e equipos médicos á poboación que sofre maior vulnerabilidade.
PROPOSTAS. Para Imran kan é esencial que o Estatuto garanta a protección dos e das traballadoras humanitarias en contextos que son moi inestables. A prevención dos incidentes de seguridade e da violencia dirixida ao persoal humanitario é unha necesidade primordial nun conflito armado. Ademais, hai que eliminar as trabas á expedición de visados para o persoal internacional e axilizar os procedementos burocráticos que dificultan o acceso dos e das cooperantes ás comunidades afectadas polos conflitos e as crises. Debe garantirse que a persoa cooperante chega alá onde se necesita.
Mozambique. Marta Sánchez, ONGAWA.
CONTEXTO. Desde 2017, Cabo Delgado sofre un intenso conflito que, xunto aos fenómenos climáticos extremos, provocou o desprazamento de 80.0000 persoas. A maior parte buscou refuxio no sur, en casa de familiares; unha situación que empeorou tamén estas zonas de acollida nas que os recursos son moi escasos. Por tanto, as necesidades da poboación diversificáronse e aumentaron de maneira notable; isto fixo que convivan os proxectos de desenvolvemento, moi necesarios na zona, cos programas de axuda humanitaria. Tal situación obriga ás ONG que traballan na zona para adaptarse á nova realidade con flexibilidade; e esixe tamén o apoio dos doantes para adaptar as propostas a unha situación de emerxencia tan cambiante.
PROPOSTAS. María Sánchez considera que a posición que teñen como cooperantes é aínda vulnerable nalgúns sentidos e iso debería mellorarse. Nomea, por exemplo, a necesidade de contar con apoios institucionais ou administrativos no momento no que regresan a España despois dun tempo traballando fóra; “é un proceso que non sempre é fácil, nin en termos laborais nin persoais”. Considera tamén que, dependendo do contexto, a posición da persoa cooperante respecto á normativa migratoria pode ser ambigua e vulnerable; considera que, actualmente, o apoio das Embaixadas e a Cooperación Española neste sentido é insuficiente.
Nicaragua. Grupo de traballo de Nicaragua da Coordinadora de ONGD – España
CONTEXTO. A violación do dereito á liberdade de asociación converteuse en norma en Nicaragua. O réxime de Daniel Ortega e Rosario Murillo cancelou a personalidade xurídica a máis dun milleiro de entidades, tanto nicaragüenses como internacionais (entre elas, varias organizacións españolas). As consecuencias sobre os dereitos humanos e a calidade democrática son enormes. O bloqueo á acción das organizacións impacta directamente na calidade de vida de quen sofre unha maior vulnerabilidade: infancia, adolescencia, mulleres, mozas en situacións de pobreza extrema… Estes colectivos accedían á saúde, á educación, á xustiza a través de programas que agora se paralizaron.
PROPOSTAS. O novo Estatuto das persoas cooperantes debe contemplar garantías de protección, confidencialidade e acompañamento ás persoas cooperantes que se vexan afectadas por decisións arbitrarias de réximes autoritarios como o de Nicaragua. Nestes casos, ademais, o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación e a AECID deben denunciar as violacións de dereitos humanos.