Condenamos a criminalización de Israel contra as organizacións da sociedade civil palestina

Unímonos ás ONG de Desenvolvemento que traballan en Palestina e ao comunicado da Coordinadora de ONGD - España, organización da cal somos socia

Fonte: IPPDH

Desde inicios deste ano 2021, asistimos a un novo episodio de intensificación das accións de acoso, desprestixio e criminalización das organizacións da sociedade civil palestina por parte do estado de Israel.

A orde emitida polo Ministerio de Defensa de Israel o pasado 19 de outubro, pola cal se designa a seis ONG palestinas de dereitos humanos como “organizacións terroristas”, supón un ataque sen precedentes, sen evidencias nin fundamento legal, contra toda a comunidade internacional que traballa polo cumprimento dos Dereitos Humanos en Palestina.

Asistimos a un novo intento de silenciar e acabar co traballo da sociedade civil comprometida coa defensa dos dereitos da poboación palestina, que son sistematicamente violados. Estas organizacións son quen, en primeira instancia, denuncian as prácticas de ocupación e apartheid israelís tamén evidenciadas por organizacións internacionais como Amnistía Internacional e Human Rights Watch.

As ONGD do Estado español que traballamos en Palestina expresamos unha vez máis e a través deste comunicado a nosa total repulsa e condena á campaña de desprestixio, criminalización e xudicialización das organizacións da sociedade civil palestina e, por extensión, á cooperación internacional e á acción humanitaria no Territorio Ocupado Palestino por parte da potencia ocupante, quen ante a pasividade e/ou permisividade da comunidade internacional segue incumprindo con total impunidade a súa obrigación de garantir os dereitos da poboación.

Unha vez máis, chamamos a atención sobre a represión do Estado de Israel, que forma parte dunha estratexia global e sostida dirixida non só ás organizacións palestinas que están a ser directamente criminalizadas, senón tamén ás organizacións internacionais de cooperación para o desenvolvemento e de acción humanitaria que traballamos con elas en Palestina, así como ao movemento internacional de solidariedade con Palestina.

É por iso que nos facemos eco do comunicado conxunto emitido polas principais redes de ONGDS palestinas, PNGO (142 organizacións) e PHROC (11 organizacións), e condenamos a designación do Ministerio de Defensa israelí contra as organizacións palestinas, facendo nosas as demandas da sociedade civil palestina.

Por todo iso, pedimos ás administracións públicas do Estado español (estatais, autonómicas e locais), como titulares de obrigacións de acordo á lexislación internacional, o seguinte:

  • Facer un pronunciamento público e urxente de condena, rexeitamento e denuncia da criminalización das organizacións palestinas por parte do Estado de Israel.
  • Esixir ás diferentes axencias da cooperación descentralizada, e á Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo ( AECID), o mantemento do seu compromiso e apoio efectivo á defensa dos dereitos da poboación palestina, sistematicamente violados pola potencia ocupante en claro incumprimento do Dereito Internacional Humanitario, en liña cos seus valores, plans estratéxicos e prioridades de traballo.
  • Garantir en todo momento a seguridade do persoal de entidades do Estado español no Territorio Ocupado Palestino para o exercicio do seu traballo de cooperación e acción humanitaria.
  • Esixir unha resposta clara e pública por parte da Unión Europea contra a criminalización do sector da cooperación e da acción humanitaria no Territorio Ocupado Palestino a través do Alto Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e Vicepresidente da Comisión Europea, Sr. Josep Borrell.

Fonte: Coordinadora de ONGD – España

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: