Ante situacións de emerxencia coma a que estos días afectan a Valencia a cidadanía responde con enorme solidariedade. Un compromiso altruísta que axuda no práctico, que reconforta e arroupa ás persoas que máis o precisan e que sempre é ben recibido, pero que cómpre organizar e canalizar correctamente. Precisamente para que chegue de maneira correcta onde ten que chegar.
Aquí compartimos a información elaborada polas nosas compañeiras da Coordinadora Valenciana de ONGD. Nela atoparás que se está a facer e como, recomendacións para a xudar e as organizacións que están traballando na zona.
Quero axudar a Valencia, que debo ter en conta?
Dende o sector da cooperación valenciana, con ampla experiencia na xestión de emerxencias internacionais, lanzan varios consellos e recomendacións a ter en conta antes de exercer a nosa axuda:
- A axuda debe darse de forma organizada, respondendo ás necesidades de cada momento e evitando entorpecer os labores prioritarios que se estean desenvolvendo.
- En todo momento é fundamental seguir as recomendacións de seguridade das autoridades competentes, tanto no acceso ás zonas afectadas como nas medidas de protección necesarias.
- Ademais de como voluntarios e voluntarias para labores de limpeza, a mellor maneira de axudar é facer doazóns económicas nas contas abertas polas ONGD. Por qué se recomenda isto? Porque as necesidades van a mudar a medida que pase o tempo e vaise precisar axuda a longo prazo. Esta é a mellor maneira de apoiar ás persoas afectadas, que van precisar de axuda durante bastante tempo.
- É moi importante guiarse polas vías de comunicación oficiais. Facede doazóns só nas canles oficiais que indican as ONGD recoñecidas nas súas páxinas web ou a través da información que recolle a Coordinadora de Valencia. POR FAVOR, tanto nisto como na información relacionada coa emerxencia e as súas consecuencias non atendades mensaxes de WhatsApp ou redes sociais de fontes non identificadas. Tratemos de evitar os bulos.
As compañeiras de Valencia están a actualizar na súa web medidas de protección para quen se desprace á zona, así como a relación de produtos necesarios e como facelos chegar, algo especialmente importante no caso dos medicamentos.
Tamén a información sobre ONGDS e outras organizacións serias e oficiais que traballan en Valencia, que coñecen as zonas afectadas e que están traballando na canalización desta axuda.