A novena edición de Compostela máis Solidaria chegou á súa fin, logo de celebrar -entre abril e xullo- diversas propostas relacionadas, en boa parte, coa información fronte aos bulos e os discursos de odio. Sempre coa defensa dos dereitos humanos, e moi especialmente coa visibilización de realidades e voces migrantes, como eixo transversal de toda a programación.
Aquí tes, resumido en cinco minutos, o que fixemos en dúas desas actividades que celebramos na fermosa Casa da Máquinas do barrio de Galeras:
Compostela co Sur Global, coa que abrimos Compostela máis Solidaria no mes de abril, e que serviu para conectar a veciñanza de Santiago cos proxectos que organizacións -galegas e do Sur Global- desenvolven co apoio da subvención á cooperación ao desenvolvemento do Concello de Santiago, a través da súa área de Dereitos Sociais.
E o noso Escoitadoiro, que se celebrou a comezos do mes de xuño e que puxo no centro da conversa e da escoita distintas vivencias migrantes, grazas á dinámica de bibliotecas humanas que desenvolve a nosa socia Ecos do Sur. Unha proposta deseñada e facilitada por persoal migrante da organización que nos vinculou co futuro Repositorio da Memoria Migrante.
Inauguramos a Escola de Activismos
Compostela máis Solidaria foi o marco no que botou a andar, alá polo mes de maio, a nosa Escola de Activismos: un espazo adicado a dotarnos -cidadanía, pero especialmente profesionais vinculados á comunicación, o ensino e o terceiro sector- de ferramentas contra os discursos de odio.
Nesta primeira edición tivemos o privilexio de contar con profesionais e organizacións de referencia. Dende La Intersección, con quen puidemos comprender mellor os mecanismos que fan que bulos e discursos de odio calen tan fácilmente e de que posibles maneiras afrontalos.
Ecos do Sur, socia da Coordinadora e referente en Galicia do estudo das dinámicas do odio en redes e do uso de novas narrativas, que nos ensinou a buscar mensaxes que nos conecten con esas persoas que, a priori, están lonxe do noso discurso de dereitos humanos.
PorCausa, referente de referentes, que visitou Compostela para explicarnos ata que punto como contamos as cousas condiciona a percepción que outros teñen delas e a falar dos procesos migratorios e das persoas que os protagonizan dende unha perspectiva xusta e de dereitos humanos.
E a nosa socia Agareso, referente no eido da comunicación para o cambio social que, a través do seu proxecto Xeración ContraInfo, achegounos ao discurso de odio presente nas aulas de secundaria, aos seus porqués e ás perspectivas desde as cales abordalo.
Estes catro obradoiros celebráronse nos centros culturais do Ensanche e Maruxa e Coralia e na Casa das Asociacións de Cornes.
Cine de verán para ver o mundo con outra perspectiva
Compostela máis Solidaria adoita programar unha actividade para público familiar, no que a cativada poida achegarse a cuestións como as que os adultos abordan nas demais actividades da programación.
Nesta ocasión, o programa ofreceu dúas sesións de cine ao aire libre que se materializaron a finais de xullo no xardín interior do centro sociocultural Maruxa e Coralia e no parque contiguo ao centro cívico do Romaño.
Da man de Solidariedade Internacional, puidemos gozar de curtas de excelente calidade con temática social, moi vinculada a dereitos que están no día a día da cooperación galega: “Abuela Grillo” e o dereito á auga dos pobos indíxenas, “Un día de campo” e os dereitos da infancia, …
Outras curtas falaban de cuestións que están aquí, no noso día a día, como “Migrants”, que aborda a través da historia de dous sos polares como a nosa sociedade acolle ás persoas migrantes.
Ambas sesións ofreceron tamén a curtametraxe “Yo soy de Palestina”, de Iman Zawahary e Rifk Ebeid, que chegou a Compostela máis Solidaria da man da Comunidade Palestina de Sevilla, responsable da súa dobraxe ao castelán.
Non faltaron pipocas de millo para todas as persoas, nin tampouco aplausos e conversas porque, neste cine, todo se fala e todo explica.
Compostela máis Solidaria, o espazo de encontro para a cidadanía comprometida, é un programa anual que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio do Concello de Santiago, a través da Unidade de Atención ás Migracións e a Concellería de Dereitos Sociais.
Deica a vindeira edición! 😉