As mulleres lideran a loita polos Dereitos Humanos

Amnistía Internacional publicou o Informe Dereitos hoxe coincidindo co 70 aniversario da aprobación da Declaración dos Dereitos Humanos, no que relata como as mulleres están sendo este ano 2018 as indiscutibles protagonistas das loitas e resistencias para a consecución dos seus dereitos e os das súas comunidades. O informe analiza algúns momentos decisivos en cada rexión, sinala movementos que impulsaron cambios e examina, en particular, a situación dos dereitos das mulleres ao longo do ano. Tamén recoñece o labor de tantas persoas que hoxe traballan en todo o mundo defendendo os Dereitos Humanos e rende homenaxe ás que perderon a vida ou a liberdade realizando o seu traballo. “Aínda nos momentos máis escuros, a súa valentía dános a forza para continuar a nosa loita en favor dos Dereitos Humanos”, aseguran dende a organización..

En 2018, en todo o mundo, as mulleres estiveron na vangarda da batalla polos dereitos humanos. En India e Sudáfrica, miles de mulleres tomaron as rúas para protestar contra a violencia sexual endémica. En Arabia Saudita e Irán, respectivamente, as activistas correron o risco de ser detidas por opoñerse á prohibición de conducir automóbiles e ao uso obrigatorio do hiyab. En Arxentina, Irlanda e Polonia, un gran número de mulleres manifestouse para esixir o fin das leis opresivas sobre o aborto. En Estados Unidos, Europa e Xapón, millóns delas uníronse á segunda marcha # MeToo encabezada por mulleres para esixir o fin da misoxinia e os abusos. No nordeste de Nixeria, miles de mulleres desprazadas mobilizáronse reclamando xustiza polos abusos que sufriron a mans dos combatentes de Boko Haram e das forzas de seguridade nixerianas.

“Pero non podemos celebrar o tremendo auxe do activismo das mulleres sen recoñecer por que necesitan loitar tan arduamente. A crúa realidade é que, en 2018, moitos gobernos apoian abertamente políticas e leis que as someten e reprimen”, salienta dende AI. Ao longo do documento, detallan situacións de discriminación e opresión que viven as mulleres en distintas partes do mundo. Entre outras, que a fenda salarial de xénero é do 23% e as crecentes políticas e leis destinadas a subxugar e controlar ás mulleres, sobre todo en materia de saúde sexual e reprodutiva. Por exemplo, lexisladores polacos e guatemaltecos impulsaron o endurecemento das leis sobre o aborto, mentres que, en Estados Unidos, os recortes dos fondos destinados a clínicas de planificación familiar puxeron en perigo a saúde de millóns de mulleres.

Mulleres activistas arriscaron a súa vida e a súa liberdade para loitar contra as inxustizas. Dúas delas foron Ahed Tamimi, unha moza palestina a quen encarcerou inxustamente por alzar a voz en defensa do seu pobo e Marielle Franco, brutalmente asasinada en Brasil por loitar na defensa dos dereitos humanos das persoas expulsadas polo sistema. E tantas outras en cada recuncho do mundo, liderando e protagonizando loitas diarias. “As mulleres que experimentan capas de discriminación entrecruzadas –baseadas na súa orientación sexual, identidade de xénero, etnia, raza ou status socioeconómico– están expostas a sufrir violacións de dereitos humanos adicionais de carácter único. En Somalia, as mulleres con discapacidade adoitan ser sometidas a matrimonios forzados e a violencia no ámbito familiar”.

Neste enlace>>> podedes atopar máis información sobre o informe.