A ONU pide implementar medidas “sen precedentes” para evitar “danos irreparables” do cambio climático

O Panel Intergobernamental de persoas expertos sobre o Cambio Climático (IPCC) de Nacións Unidas presentou o luns, 8 de outubro, un informe que insta a poñer en marcha “cambios de gran alcance e sen precedentes en todos os aspectos da sociedade” (enerxía, industria, infraestruturas…) para limitar a un máximo de 1,5 º C o aumento das temperaturas como consecuencia do quedemento global e evitar así “danos irreparables”.

Patrick Hendry

Nun informe de 400 páxinas, o grupo científico encargado do estudo expón os numerosos impactos climáticos que afronta o planeta se as temperaturas suben máis de 1,5 º C respecto ao dos niveis preindustriales: ondas de calor, extinción de especies, desxeo dos casquetes polares, etc. “Cada pequeno episodio de quecemento adicional importa, sobre todo porque superar os 1,5 º C aumenta o risco de cambios profundos ou mesmo irreversibles, como a perda dalgúns ecosistemas”, explica Hans- Otto Pörtner, copresidente desta reunión.

Se o quecemento “segue crecendo ao ritmo actual” por culpa das emisións de gas de efecto invernadoiro, “entre 2030 e 2052” o aumento das temperaturas mundiais subirá 1,5 º C, sinala o informe baseado en máis de 6.000 estudos. E se os Estados se cinguen aos compromisos de redución de emisións que presentaron no Acordo de París sobre o clima en 2015, a subida das temperaturas será de 3 º C a finais do século XXI.

Daquela, que se pode facer para evitar ese escenario, tendo en conta que as emisións mundiais vinculadas ás enerxías volveron crecer en 2017? Para o IPCC, as emisións de CO2 deberán caer nun 45% de aquí a 2030 para limitar o quecemento a 1,5 º C, e o mundo deberá alcanzar en 2050 unha “neutralidade de carbono”, é dicir, que terá que deixar de emitir máis CO2 do que se retira da atmosfera.

Thomas Hafeneth

“O informe dá aos responsables políticos a información que necesitan para tomar decisións para loitar contra o cambio climático sen esquecer as necesidades das poboacións”, explica a surafricana Debra Roberts, outra copresidenta desa reunión, que considera o informe como “un chamamento á coordinación”. “Os próximos anos serán os máis determinantes da nosa historia”, asegura. O seu colega francesa, a climatóloga Valérie Masson- Delmotte, cre que o informe deixa un “balance lúcido e difícil: a política dos pequenos pasos non basta”. “Se non actuamos agora, dirixímonos cara a un mundo no que estaremos sempre xestionando crise”, afirma. “A boa noticia é que hai accións en curso no mundo, pero habería que aceleralas para ter transicións suaves. A verdadeira pregunta é esta: estará a xente disposta a actuar e haberá bastante vontade política colectiva?”.

Fonte: Europa Press e AFP