Chamamento para garantir a imparcialidade, independencia e neutralidade da axuda humanitaria en Venezuela

Ante a situación que se vive en Venezuela e a confusión que se está creando respecto á axuda humanitaria no país, a Coordinadora estatal de ONG para o Desenvolvemento – da cal a Coordinadora Galega de ONGD é socia-, o Instituto de Estudios sobre Conflictos y Acción Humanitaria e a Sociedade de Medicina Humanitaria fan un chamamento aos Estados e actores humanitarios para que garantan os principios que deben guiar toda axuda humanitaria. Principios que foron acordados internacionalmente e que son esenciais para conseguir unha coordinación efectiva que salve vidas, alivie o sufrimento, garanta os dereitos humanos e preserve a dignidade das persoas vítimas de conflitos, emerxencias, crises humanitarias e desastres.

Lembramos que a resposta ás necesidades humanitarias en Venezuela debe ter en conta o seguinte:

Toda a acción humanitaria debe ir guiada por un mandato de humanidade; debe garantir os principios humanitarios de imparcialidade, independencia e neutralidade. Devanditos principios foron aceptados en numerosos documentos e en particular a Resolución 46/182 da Asemblea Xeral da ONU.

A axuda humanitaria non debe ser instrumentalizada para outros fins que non sexan a protección da vida, o alivio do sufrimento e a garantía dos dereitos humanos. Advertimos sobre os riscos que o uso político da axuda pode supoñer para a poboación que a recibe.

Calquera actuación humanitaria debe cumprir os acordos internacionalmente asumidos na Declaración de París sobre a Eficacia da Axuda ao Desenvolvemento, os Principios de Axuda Humanitaria de Nacións Unidas e o Consenso Europeo sobre Axuda Humanitaria.

Lembramos a resolución 71/129 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas sobre a seguridade do persoal humanitario, na que se establece que os Estados non deben condicionar o seu traballo.

Lembramos que o traballo humanitario é moito máis que a entrega de “paquetes de axuda” e a mera asistencia, supón un diagnóstico detallado da situación, define quen son as persoas máis vulnerables, analiza as cuestións de xénero e idade, garante a rendición de contas e unha serie de criterios de calidade construídos colectivamente no ámbito internacional. A profesionalidade de quen realiza a axuda debe estar contrastada e garantida. A axuda humanitaria non debe ser instrumentalizada nin mediatizada.

A axuda humanitaria debe ser unha contribución á paz, sen causar prexuízo algún, aludindo ao principio e deber do “ Do not harm”, e ha de manter o seu carácter civil (non militar) sempre, tal e como recollen as Directrices de Oslo aprobadas polas Nacións Unidas.

Por iso, facemos un chamamento para que toda acción humanitaria que leve a cabo garanta tales principios, focalice as súas actuacións na mellora da vida das persoas máis vulnerables, garanta os dereitos humanos, e contribúa á construción da estabilidade e a paz.

Fonte: Coordinadora estatal de ONGD