A Coordinadora Galega de ONGD pide ao goberno de Nicaragua o cese da represión

A Coordinadora  de Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento – España, da cal a Coordinadora Galega de ONGD é socia, expresa o seu profundo pesar e preocupación pola violencia e violación de dereitos humanos en Nicaragua, un país ao que sentimos moi unidas tras décadas de solidariedade, de cooperación e de aprendizaxes en común.

As protestas comezaron o pasado 18 de abril para esixir a derrogación da reforma da Seguridade Social. A día a hoxe esixen maior democracia, o regreso a un Estado de dereito e a non violación dos dereitos humanos. Desde ese 18 de abril distintas organizacións de dereitos humanos contabilizan polo menos 146 persoas mortas, máis de mil feridas e decenas desaparecidas, a maioría delas mozos e mozas. A Coordinadora Galega de ONGD:

  • Solidarízase coa familia de todas as vítimas e condena a violencia.
  • Demanda ao Goberno español, especialmente ao Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación española, e ao resto dos nosos representantes políticos que intercedan ante o Executivo nicaraguano para que poña fin á represión e busque vías de diálogo para solucionar o conflito.

En coherencia coas formulacións da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, pide ao Goberno de Nicaragua que:

  • Garanta e respecte o dereito á liberdade de expresión e á manifestación pública e pacífica.
  • Poña en marcha medidas efectivas para asegurar que as forzas policiais deteñan inmediatamente o uso excesivo da forza.
  • Desmantele os grupos parapoliciales e adopte medidas para impedir que sigan operando grupos de terceiros armados que atacan e hostiguen á poboación civil.
  • Leve a cabo investigacións que permitan clarificar as responsabilidades das mortes, detencións e desaparicións e xulgar e sancionar aos responsables.
  • Garanta a protección a defensores de dereitos humanos e xornalistas.
  • Cumpra coas recomendacións emitidas pola Comisión Interamericana de Dereitos Humanos tras a súa visita para mediados de maio.