A Coordinadora Galega de ONGDs demanda ao Pleno do Concello de Santiago “recuperar a unanimidade nas políticas públicas de cooperación”

A entidade denuncia que o Concello de Santiago vai camiño de incumprir por cuarto ano consecutivo os seus compromisos coa cooperación ao desenvolvemento e coa loita contra a pobreza, deixando de executar máis de 500.000 euros

Foto AP/Alexander Zemlianichenko Jr. | Fonte: National Geographic

Santiago, 31 de maio de 2022. -Hoxe presentamos no Pleno do Concello de Santiago a nosa demanda de recuperar a unanimidade nas políticas públicas de cooperación e facer efectiva a liña de axudas prevista para este ano. Unha demanda xa trasladada a Compostela Aberta, Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular en reunións anteriores, e que será exposta polo miúdo ao equipo de goberno nunha xuntanza que terá lugar o próximo 8 de xuño.

Este 2022 é o cuarto ano consecutivo que o Concello se recoñece incapaz de executar o orzamento comprometido para a solidariedade e a loita contra a pobreza: “Dende o ano 2019 non se volveron a sacar os fondos para cooperación internacional. Eran 120.000 no 2019, foron 120.000 no 2020, foron 220.000 no 2021 e para este ano habería aproximadamente 96.000. Non se puideron cumprir, non se sacaron as convocatorias, as ONGDs non puidemos sacar os proxectos que xa tiñamos iniciados”, expuxo Alejandro Quiñoá, presidente da Coordinadora Galega de ONGDs, que se referiu á renuncia á execución do programa ‘Compostela + Solidaria’ como “unha chamada de atención”.

Quiñoá apelou tamén á responsabilidade que temos como sociedade na conxuntura internacional actual e tendeu pontes ao diálogo para acadar unha solución, que é urxente e imprescindible, canto antes. “Dende a nosa banda a man tendida e esperemos que, por parte do Concello e deste Pleno se fagan tódalas xestións posibles para recuperar esta política que non é de caridade, senón que é de xustiza”, finalizou.

Compostela Aberta e Bloque Nacionalista Galego presentaron dúas mocións para facer efectiva a liña de axudas á cooperación para este ano e para reactivar o Consello Municipal de Cooperación. Ambas foron apoiadas polos dous grupos e polo Partido Popular, mentres que o grupo de goberno decidiu absterse.

Os tres grupos da oposición coincidiron na necesidade de convocar estas axudas, imprescindibles sobre todo no momento actual. Así o expoñía Goretti Sanmartín, representante do BNG: “O único que esperamos é que se poñan prazos e que a xente poida seguir desenvolvendo o seu traballo, os seus grans de area, en tempos nos que a cooperación fai moita falla e nos que non podemos dar pasos atrás nesta liña”. María Rozas, representante de CA, apelou tamén a non caer no retroceso e pediu que non se incumprisen os compromisos por cuarto ano consecutivo.

Gumersindo Guinarte, concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, respondeu á oposición mencionando as complicacións que no 2019, co cambio de goberno, e no 2020, coa xestión da pandemia, imposibilitaron o cumprimento dos compromisos coa cooperación. A isto respondeu o PP, insistindo na “falla de xestión municipal” e pedindo explicacións ao concelleiro por non convocar as axudas nestes dous últimos anos. Guinarte expuxo os intentos que o grupo de goberno fixo para convocar as axudas no 2021 pero que, un ano máis, non obtiveron resultado. Porén, concluíu a súa intervención con declaracións que achegan confianza : “Temos concertada unha reunión para que a Coordinadora nos dea unha opinión sobre as bases e facer esa convocatoria”, apuntou.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: