Dous anos despois da aprobación da Lei de Cooperación para o Desenvolvemento e do fito que supuxo, o reto financeiro segue a ser o gran obstáculo: cun 0,24% da Renda Nacional Bruta adicada á Axuda Oficial ao Desenvolvemento, España está moi lonxe aínda do 0’7% que a Lei establece para 2030.
Vivimos un momento no que as medidas que garantan vidas dignas son máis urxentes ca nunca. E, neste momento, España ten a oportunidade de posicionarse como líder na defensa dos dereitos humanos e a paz.
Neste contexto, Sevilla acollerá a finais de xuño a IV Conferencia Internacional de Financiamento para o Desenvolvemento. Unha oportunidade de pasar das palabras aos feitos, de revisar a arquitectura financeira internacional e mobilizar os recursos precisos para responder aos enormes retos que enfrontamos como humanidade.
