Solidariedade co pobo kurdo

Sedat Suna (EFE)

Como organizacións de cooperación para o desenvolvemento, sumámonos ao comunicado da Coordinadora estatal de ONGD e expresamos o noso máis profundo rexeitamento aos bombardeos que Erdogan -segundo exército máis poderoso da OTAN- está a levar a cabo contra a poboación kurda. Demandamos un cesamento inmediato dos bombardeos e unha actuación contundente da UE e a comunidade internacional que obrigue ao mandatario turco a acabar cos ataques.

As nosas organizacións xa denunciaron que 450.000 persoas están en risco se non cesan os ataques de maneira inmediata. “Segundo a Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios, hai polo menos 1.6 millóns de persoas que necesitan asistencia humanitaria no nordés de Siria. A resposta humanitaria verase ameazada se a inestabilidade obriga ás axencias de asistencia a suspender ou recolocar os seus programas e o seu persoal, como xa está a suceder”, advirten.

Sumámonos ás organizacións sociais que en todo o mundo están a rexeitar estes ataques. Tal como denuncian a Iniciativa  Mesoamericana de Defensora de Dereitos Humanos, a comunidade kurda e as mulleres defensoras de dereitos humanos necesitan un firme apoio internacional. En palabras dunha integrante do movemento de mulleres kurdas : “Os nosos aliados e aliadas ao redor do mundo deben entender que este é un ataque ás nosas loitas por alternativas contra o capitalismo,  sexismo e colonialismo. Exhortamos a xente a que emita posicionamentos e mobilice aos seus contactos, ademais de unirse ás protestas contra a ocupación“.

A responsabilidade de Europa

Esiximos á Unión Europea que non acepte a chantaxe de Erdogan e tome medidas firmes contra un goberno que viola os dereitos humanos, fomenta a guerra e incumpre tratados internacionais; Josep Borrell, recentemente nomeado xefe da diplomacia europea, ten un papel crucial neste sentido. O goberno español en funcións debe facer o seu parte e contribuír de maneira activa ao fomento do diálogo, a cultura de paz, o respecto dos dereitos humanos e o cesamento dos bombardeos.

Reiteramos a denuncia do acordo UE-Turquía que supón un abandono de responsabilidades dos gobernos europeos, e abandona a miles de persoas  migrantes e refuxiadas nun país que non conta coas mínimas garantías para aplicar o dereito internacional en materia de asilo e refuxio, e no que non están garantidos os dereitos humanos fundamentais.

Fonte: Coordinadora ONGD – España