IV edición do Compostela + Solidaria

Do 2 ao 13 de abril en distintos espazos da cidade


A Coordinadora Galega de ONGD e o Concello de Santiago poñemos en marcha a IV edición de Compostela + Solidaria, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 2 ao 13 de abril en distintos espazos da cidade: Centros Socioculturais, Mercado de Abastos, Biblioteca Ánxel Casal, Zona C, Libraría Lila de Lilith…

Ao longo de dúas semanas programaranse obradoiros, charlas, unha mostra de curtas sociais, xogos, actividades de rúa, contacontos, etc. actividades coa que a cidadanía compostelá terá a oportunidade de coñecer de que forma se pode ‘mudar o mundo’ dende o día a día. Tamén, de divertirse e coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o ámbito local, contribúen a cambiar a realidade global.

Neste enlace>>> atoparedes o programa completo. Nel propoñemos actividades que xiran arredor de diversos eixes temáticos como o consumo responsable, o comercio xusto, a loita da comunidade LGTBI no Salvador, o dereito de acceso a medicamentos ou a radio como ferramenta de educomunicación.

Unha das actividades centrais desta edición será a Mostra de curtametraxes sociais no Cinema Númax. Por segundo ano consecutivo organizamos conxuntamente unha sesión de curtas sociais de directores e directoras de distintos países nos que se abordan temáticas arredor do dereito a migrar,  á educación de calidade e a vivir sen violencias. As curtas que se proxectarán teñen como escenario Guatemala, Gaza, Calais e Kobani. Son La escuelita de Manchón; Gaza, premio Goya a mellor curtametraxe documental; No jungle! e Meryem.  Ao rematar a proxección haberá un coloquio no que participará Antonio Grunfeld, director de La escuelita de Manchón, e Lara Medín, responsable de produción, para contarnos como foi o proceso de gravación deste documental que narra a realidade dunha comunidade en Guatemala na que traballan Arquitectura sen Fronteiras man a man xunto ás organizacións locais ASIAPRODI, PRODESSA e PROYDE.

Neste cartel atoparedes tamén o resumo de todas as actividades propostas.