A compostelá Casa das Máquinas ábrese o xoves 3 de abril para acoller Compostela co Sur Global. Un encontro que nace da colaboración entre o Concello de Santiago, a través da súa Concellería de Dereitos Sociais, e a Coordinadora Galega de ONGD baixo o paraugas de Compostela máis Solidaria.
Compostela co Sur Global ten como obxectivo, por unha banda, ser un punto de encontro entre a cooperación galega e a veciñanza de Santiago, que poderá descubrir como a cooperación está a conectala con comunidades de países como Guatemala, Bolivia, El Salvador, Cuba, Guinea Ecuatorial, Bissau ou Mozambique.
Por outra, Compostela co Sur Global quere ser un espazo informativo. No que escoitar, pero tamén no que preguntar. A idea é trasladar unha idea clara de que é a cooperación ao desenvolvemento, quen intervén nela e, sobre todo, como intervén nela a veciñanza -neste caso compostelá- e por que é importante non deixar de apoiala.
Queres asistir a Compostela co Sur Global?
Compostela co Sur Global é un encontro aberto á cidadanía, ao que pode asistir calquera persoa que o desexe. Pero, para garantir unha boa organización, agradecemos a inscrición previa.
COMPOSTELA CO SUR GLOBAL
17:00, Benvida da concelleira de Dereitos Sociais, María Rozas, e da presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz
17:20, Xanela ao Sur: tres organizacións galegas e as súas socias locais (en liña dende varios países do Sur Global) explicarannos en que consisten os seus proxectos, así como o impacto que estes teñen na súa comunidade. Poderás facer preguntas para saber máis.
- Participan: Miradas al Mundo con Walendiren (Guinea Bissau), Arquitectura sen Fronteiras con Asiaprodi (Guatemala) e Asemblea de Cooperación pola Paz con Redes (El Salvador).
18:15, Intercambio de experiencias, para coñecer de primeira man e dun xeito áxil organizacións e proxectos e descubrir intereses comúns.
- Participan: Azada Verde, Movemento pola Paz, Solidariedade Internacional de Galicia, Agareso, Sodepaz, Proyde, Mans Unidas e Taller de Solidariedade
19:00, Falámolo cun café: petiscos e bebidas de comercio xusto para que poidas falar tranquilamente con aquelas organizacións ou persoas das que che quedaron ganas de saber máis.
E algunha sorpresa polo medio…
O compromiso de Compostela
A finais de 2024 o Concello de Santiago resolveu a súa convocatoria de subvencións de cooperación ao desenvolvemento cun importante incremento orzamentario que permitu financiar diversos proxectos en Latinoamérica e África.
Daquela, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, explicaba que “o Concello de Santiago é a entidade local de Galicia que destina máis fondos a unha convocatoria destas características, e sobe ao 0,3% o orzamento que destina a cooperación”. Lonxe aínda, como ela mesma indicou, do “ansiado 0,7% ao que se comprometeu o Concello por unanimidade en 1999”.
Tres meses despois, serán precisamente as organizacións responsables deses proxectos as protagonistas de Compostela co Sur Global e quen nos contará en que se materializa este compromiso local coa xustiza global. Agardámoste! 😉