O taller “Moda Consciente, Futuro Sostible” foi unha iniciativa que uniu a creatividade e a reflexión sobre un dos grandes problemas globais de hoxe en día: as consecuencias ecolóxicas e sociais derivadas da industria da moda, a segunda máis contaminante do mundo.
Durante catro días, es participantes exploraron novas formas de expresión artística a través do circo ao mesmo tempo que reflexionaban sobre as consecuencias da fast fashion.
O taller comezou con dúas charlas formativas ofrecidas por Amigas da Terra e a Escola de Deseño de Moda Mestre Mateo, nas que se abordou o impacto devastador da moda rápida así como o funcionamento do sector, incluíndo conceptos como greenwashing, sostibilidade ou ecoloxismo.
Toda esta información está dispoñible neste repositorio, onde tamén atoparás recomendacións de documentais, artigos, campañas e informes que amplían estas temáticas.
O circo como ferramenta de cambio
O desafío para es participantes foi transformar todo o aprendido nunha performance creativa, coa que debían sensibilizar ao público sobre as realidades ocultas da industria da moda. Eles mesmes debían crear un espectáculo, co apoio do equipo de profes e a través dunha técnica de composición e improvisación en tempo real chamada sound painting que aprenderon ao longo dos catro días de duración do obradoiro.
Ademais do traballo creativo, o obradoiro tamén incluíu a práctica de disciplinas circenses como acrobacias, malabares e teatro físico. Esta última forma de expresión, na que o corpo dos actores se converte no principal medio para contar a historia, foi fundamental, xa que a performance creada non incluía diálogos. A través do teatro físico, as participantes aprenderon a comunicar emocións, ideas e conceptos só mediante o movemento, sen necesidade de palabras.
O resultado foi unha peza visual e profundamente expresiva, na que os xestos, as posturas e o ritmo do corpo foron os encargados de transmitir a mensaxe sobre o impacto da industria da moda.
A combinación do teatro físico co Soundpainting e as artes circenses deu lugar a unha experiencia de creación colectiva única e envolvente, onde cada elemento contribuíu a un espectáculo impactante e emotivo.
Queres saber máis sobre industria téxtil?? Aquí debaixo tes un montón de información interesante!
Artigos, documentais, campañas, informes e tamén ideas sobre alternativas!!
Que é o sound painting?
O sound painting é unha técnica de improvisación que se utiliza para dirixir actuacións interdisciplinares onde se combina música, interpretación, danza e artes visuais entre moitas outras.
Foi desenvolvida polo compositor neoyorquino Walter Thompson a partir dos anos 70. Quen dirixe a escena usa un vocabulario de sinais manuais ou corporais (en total hai máis de mil!!) para comunicarse co grupo e indicarlle accións específicas, como que tipo de son ou movemento deben realizar, que dinámica empregar, o ritmo, intensidade, duración, entre outros. Todo isto sempre dende a improvisación, polo que o espectáculo que se crea é único e irrepetible.
Esta técnica estimula a improvisación en grupo e a interacción entre diferentes disciplinas artísticas, creando unha experiencia colaborativa e dinámica. Es participantes do taller de “Moda consciente, futuro sostible” aprenderon gran parte deses comandos durante os 4 días de taller.
O working progress na Praza da Quintana
O resultado deste proceso foi a creación dunha performance improvisada que abordou estas cuestións de maneira visual e directa, e que foi presentado na Praza da Quintana, un dos espazos máis emblemáticos de Compostela. O público que asistiu non só gozou dun show artístico, senón que tamén se levou unha importante reflexión sobre o noso papel como consumidores e consumidoras de moda, participando do mesmo en varias ocasións como se se tratase dun intérprete máis da función.
Organizado pola Coordinadora Galega de ONGD en colaboración con Circonove, a compañía A Vela Circo, Amigas da Terra e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, o taller demostrou que é posible combinar arte e conciencia social para sensibilizar sobre un tema que nos afecta a todas: o futuro sostible.
Esta iniciativa enmárcase dentro da plataforma Futuro en Común, da que a Coordinadora Galega de ONGD forma parte xunto con outras 50 entidades que traballan polos dereitos humanos e a protección do medio ambiente. Conta co apoio de organizacións como Enraíza Derechos, Ecodes, e o financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).