Fábrica téxtil en Sri Lanka. FOTO Asian Development Bank.
Sabías que a industria da moda é unha das máis contaminantes do mundo? Ollo a estes datos:
- Cada ano no mundo confecciónanse máis de 100 mil millóns de pezas de vestir novas, é dicir, 62 millóns de toneladas de roupa, pero de media só usamos cada prenda 7 veces.
- O algodón é o cultivo que require máis auga, canta? Pois depende da prenda pero de media, a fabricación dun vaqueiro necesita de 2.900 litros (queda con este dato!).
- Un 30% do que se fabrica nunca chega a venderse e o 50% das prendas de fast fashion (H&M, Zara…) acaba no lixo en menos dun ano.
Todos estes datos están recompilados por organizacións internacionais de defensa do medioambiente e dos dereitos humanos, que dende hai anos advírtennos das consecuencias ecolóxicas e sociais da industria téxtil moderna, e da súa cara máis agresiva, a fast fashion.
As principais problemáticas actuais, como a emerxencia climática, a pobreza ou as migracións forzosas, están interrelacionadas. Non podemos resolver un problema sen abordar os outros, e a industria téxtil é un exemplo claro destas conexións. Algo que temos completamente normalizado e que forma parte do noso día a día está intimamente vinculado coa pobreza, a degradación ambiental e a desigualdade.
A continuación deixámosche unha serie de enlaces moi interesantes onde podes atopar moita máis información sobre este tema pero tamén alternativas. Porque, que non te enganen, hai outras maneiras de consumir e de vestirnos sen deixar de lado a estética. Pero, sobre todo, hai formas máis xustas e sostibles de facelo, respectuosas coas persoas e co planeta.
Manifestación polos dereitos das traballadores do téxtil en Bangladesh. Foto: Solidarity Center.
Podes comezar con este test de Intermon Oxfam para pór a proba os teus coñecementos sobre a as consecuencias ambientais da fast fashion.
O PNUD é o Programa de Desenvolvemento de Nacións Unidas. Neste enlace poderás ler sobre 6 cousas que probablemente non sabías sobre o verdadeiro custe da moda rápida.
Que non se diga que non temos datos suficientes… Máis neste artigo de Xataca: 150.000 millóns de prendas ao ano (e outras cifras nas que as tendas non queren que penses)
O documental “Sweat Shop: deadly fashion”, conta a historia de tres bloguers de moda de Noruega, Anniken, Frida e Ludwig, que estiveron un mes en Cambodia vivindo nas mesmas condicións que es traballadoras téxtiles das fábricas nas que se producen as pezas que eles mesmes analizaban nos seus blogs. Pódese ver en Filmin.
O colapso do Rana Plaza
O accidente do Rana Plaza foi unha das maiores traxedias na historia da industria da moda e supuxo un antes e un despois poñendo de manifesto as inhumanas condicións laborais des traballadores que cosían para moitas das grandes empresas téxtiles do mundo. Ocorreu o 24 de abril de 2013 en Savar, un suburbio de Daca, a capital de Bangladesh.
O Rana Plaza era un edificio de 8 andares que albergaba principalmente fábricas de roupa e que fora construído de forma inapropiada, con permisos falsificados e materiais de baixa calidade. O edificio colapsou atrapando a miles de traballadores nas fábricas.
Morreron máis de 1.100 persoas e unhas 2.500 resultaron feridas. Aquí podes ler un artigo do xornalista Masud Khan que viviu en primeira persoa os primeiros instantes tras o derrube.
Colapso do Rana Plaza. Foto: Rijan.
O problema dos microplásticos
Dixemos que as prendas de algodón eran as que máis auga consumían pero entón, é mellor utilizar fibras sintéticas? Moita da roupa que vestimos hoxe en día, especialmente a producida pola moda rápida, contén fibras, como o poliéster, que en realidade son plásticos.
Durante os lavados, estas fibras despréndense en forma de microplásticos que acaban infiltrándose no medio ambiente. Estes microplásticos son tan pequenos que pasan desapercibidos, pero teñen un impacto significativo, contaminando os ríos, os océanos e mesmo o aire que respiramos
Se che interesa este tema, invitámoste a descubrir #Plastívoros, unha campaña de Amigas da Terra que explora a problemática dos microplásticos e o seu impacto nos ecosistemas. Non deixes de ver o vídeo da campaña e as fotos que realizaron.
E se queres saber máis porque este tema che preocupa, podes consultar o informe completo para coñecer mellor como estes plásticos se dispersan no medio ambiente e como podemos reducir a nosa pegada ecolóxica.
O tema dos microplásticos e os nanoplásticos é moi preocupante pero, ás veces, o humor é a mellor estratexia para falar das cousas máis serias, por iso nos encantou este vídeo.
O lavado verde ou greenwashing: un importante obstáculo na defensa medioambiental
O greenwhasing, ou como as grandes marcas nos enganan para que sigamos consumindo coa conciencia tranquila. Ante unha sociedade cada vez máis crítica e concienciada coa necesidade de coidar o medio ambiente, as empresas atoparon no greenwashing ou lavado verde unha técnica ideal para perpetuar o seu lucrativo negocio baseado no consumo desenfreado.
Termos como eco, orgánico, bio, sostible e un longo etcétera de palabras ben soantes son utilizadas por grandes marcas de todo tipo co fin de satisfacer a persoas cada vez máis críticas e con conciencia ecolóxica.
A pesar disto, esas empresas seguen agochando graves impactos sociais e ambientais na súa cadea de produción. Palabras e mensaxes que non están aínda prohibidos nin regulados, pero si deberían facernos desconfiar das grandes compañías, xa que non é máis que unha práctica de márketing que busca beneficiar a súa reputación poñéndose unha etiqueta verde realmente inútil para solucionar o grave problema ambiental e social que hai tras a industria téxtil.
Se queres saber máis sobre como funciona bótalle un ollo a este artigo.
Consumimos tanto, que necesitamos tres planetas enteiriños para abastecernos
Só se trata da roupa? Non, sobreconsumimos en todos os sentidos. Unha espiral sen fin que está acabando co noso planeta. O 20 de maio é o Día da Sobrecapacidade da Terra en España tamén coñecido como “Overshoot Day” a nivel mundial.
Coa celebración desta data trátase de facer unha chamada de atención sobre a necesidade de transformar o modelo de produción e consumo actual e adoptar medidas para reducir o uso de recursos naturais.
O Día da Sobrecapacidade da Terra xorde para calcular a pegada ecolóxica de cada país e do planeta da man da Global Footprint Network e marca a data na que se consomen os recursos naturais que lles corresponderían nun ano. En España isto sucede o 20 de maio.
Isto significa que este día a sociedade española, incluídos todos os seus sectores económicos, utilizaría todos os recursos naturais, auga, enerxía, materias primas, alimentos, entre outros, que lle corresponderían para todo o ano. A partir desta data, o país entra en “déficit ecolóxico”, é dicir, xa consumiu máis do que a Terra é capaz de rexenerar nese tempo.
Se queres saber máis e ver o resto de viñetas de Javi Arroyo clicka aqui.
Galicia e a industria da fast fashion, aquí naceu todo?
A ninguén se lle escapa a relación do noso territorio coa industria téxtil. Aquí che deixamos o interesantísimo documental Fíos Fóra, unha peza audiovisual moi valente.
Por moi finos que sexan, detrás de todos os fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil desde os 60 foron a man de obra perfecta e cativa para levantar unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada.
Este documental fai un nobelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema. Un traballo realizado por Illa Bufarda para Amarante Setem.
Pero entón, hai algunha alternativa á fast fashion?
Si, moitas! Existen múltiples alternativas de moda ética e ecolóxica sen renunciar á estética. Por exemplo, cada vez é máis habitual vestirnos de segunda man, dándolle unha nova vida á roupa que outras persoas xa descartaron.
Tamén é recomendable comprar roupa de maior calidade, que soportará mellor o paso do tempo. Os tecidos naturais contaminan menos cando comezan a degradarse, podemos acudir ao comercio xusto, a fabricación de moda local e a pequena escala, reparar a roupa e tamén reducir o noso consumo.