A Cooperación ao Desenvolvemento é unha ferramenta que permite mellorar as condicións de vida e os dereitos de persoas en todo mundo. Especialmente, nun contexto global no que as persoas vulnerables o son máis, debido á emerxencia climática, as desigualdades ou ao peche de espazos democráticos e o aumento dos discursos de odio.
Por iso é importantísimo apostar por unha cooperación de vangarda, feminista, inclusiva e sostible. Tamén incorporar novos enfoques fronte os diferentes sistemas de opresión cos que interactúan as nosas vidas. E que impactan, especialmente, nos territorios máis empobrecidos, afectados polas políticas extractivas e os modelos coloniais de desenvolvemento.
Esta cooperación de vangarda opera dende o acompañamento, o respecto e a horizontalidade. E nela, o feminismo -como elemento transversal- acada unha importancia fundamental.
Cara unha cooperación con enfoque feminista
Co obxectivo de que as nosas organizacións teñan recursos suficientes para traballar dende esta perspectiva, poñemos en marcha as xornadas de reflexión e debate Avanzando cara unha cooperación galega con enfoque feminista.
As xornadas, que se celebrarán en diversas datas de setembro e outubro, son fundamentalmente en liña, agás a actividade final.
É posible inscribirse xa, tanto no programa completo como en propostas concretas. Aquí tes detalladas todas as actividades!
As xornadas complétanse cun obradoiro presencial o 6 de outubro, adicado á reflexión sobre a situación de cada organización respecto á cooperación feminista, así como os retos para avanzar neste enfoque. Esta xornada está dirixida especificamente a organizacións da Coordinadora.
Aínda temos pendente confirmar o lugar e a hora na que celebraremos este taller, que culiminará cun tempo de lecer para encontarnos, poñer en común e tecer rede. E co que daremos por finalizadas estas xornadas.
Estas xornadas están especialmente dirixidas a profesionais e voluntarias vinculadas ás organizacións socias da Coordinadora, pero a inscrición -agás a xornada do 6 de outubro-está aberta a todas as persoas con interese neste ámbito.