Mellorar a política pública de cooperación municipal é un dos principais obxectivos da Coordinadora Galega de ONGD. No marco das eleccións municipais elaboramos un documento con 9 propostas concretas para reivindicar a política pública de cooperación local coma unha ferramenta imprescindible para facer fronte aos grandes retos globais: a pobreza, as desigualdades, a crise ecolóxica, os desprazamentos forzados e o auxe dos discurso de odio.
Ao longo dos primeiros meses do ano presentamos as propostas aos partidos de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Mantivemos máis de 25 reunións con todas as candidaturas con representación nos plenos municipais, a maioría coas persoas candidatas á alcaldía, e tres reunións con partidos a nivel galego.
As propostas da Coordinadora Galega de ONGD buscan dotar á cooperación ao desenvolvemento dos piares básicos que precisa calquera política pública: un orzamento suficiente (0,4%); a transparencia na xestión dos fondos mediante a publicación de convocatorias públicas e en concorrencia competitiva; a posta en marcha de órganos de participación, consulta e coordinación nos que a sociedade civil teña voz; e unha orientación estratéxica e planificación a longo prazo.
Logo de revisar os programas dos partidos das seis cidades, concluímos que o compromiso dos partidos coa política municipal de cooperación en 2019 aumentou respecto 2015. Aumentou o compromiso tanto a nivel cuantitativo (máis da metade dos partidos recollen compromisos coa cooperación nos seus programas) como a nivel cualitativo. Precisamente, no eido cualitativo atópase unha melloría moi salientable: ata un 33% das candidaturas incrementan considerablemente a calidade das súas propostas en materia de cooperación e na liña do demandando polas ONGD galegas. Un feito que nos leva a concluír que os actores de política municipal melloraron estes últimos catro anos o seu coñecemento respecto á cooperación ao desenvolvemento así coma a súa capacidade para facer propostas de calidade para o sector.
A continuación facemos un repaso dos compromisos dos partidos que gañaron as eleccións ou gobernan despois do 26M. E, máis adiante, un resumo das posturas dos partidos en cada unhas das cidades.
A que se comprometen os partidos que gañaron o 26M?
Ao analizar os partidos que gañaron nas distintas cidades a aposta pola cooperación ao desenvolvemento é diversa.
A Coruña
O PSOE incorporou no seu programas todas as propostas das ONGD galegas.
Compostela
O PSOE de Bugallo asumíu os compromisos das ONGD galegas excepto, de forma explícita, dedicar o 0,4% do orzamento a cooperación.
Lugo
O PP gañou as eleccións pero o PSOE gobernará na cidade de Lugo xunto ao BNG. O socialista é o partido que asumiu un maior compromiso coa cooperación. O BNG non incorporou nada.
Ourense
Ningún dos particdos con representación no consitorio nomea a cooperación nos seus programas electorais.
Pontevedra
Gañou o BNG. O partido de Lores non menciona a cooperación ao desenvolvemento no seu programa. O PSOE, socio de goberno e titular da Concellería de Servizos Socias, non contemplou ningunha proposta de cooperación no seu programa.
Vigo
Reeditouse a maioría absoluta do PSOE de Abel Caballero. O partido non contaba con programa electoral nestas eleccións municipais.
Compromisos por cidades
A Coruña e Compostela son as cidades onde as forzas políticas con presencia no pleno municipal amosan un maior compromiso coa cooperación nos seus programas electorais. Cabe destacar que, precisamente, A Coruña é a provincia con maior presencia de ONGD (31 sedes dun total de 50). En Compostela, as catro forzas políticas (BNG, Compostela Aberta, PP e PSOE) apostan de forma clara pola política de cooperación ao desenvolvemento aínda que non todas establecen o 0,4% para o orzamento nin se comprometen a manter as convocatorias de concorrencia competitiva.
Na Coruña, os partidos con programas electorais accesibles na rede repiten o mesmo patrón que en Compostela: apostan de forma unánime pola cooperación pero, en programas como os de Marea Atlántica e o BNG, non establecen o 0,4% do orzamento demandado polas ONGD. Por outra banda, todas as forzas apostan pola posta en marcha dun Consello de participación pero só BNG e PSOE, específico para Cooperación e Solidariedade. Na cidade da Coruña, o PSOE incorporou todas as demandas das ONGD galegas no seu programa.
Por outra banda, Ourense e Pontevedra destacan porque os partidos practicamente nin nomean a cooperación ao desenvolvemento nos seus programas. Hai dúas excepcións. Na ‘terra da chispa’, Ourense en Común recolle todas as propostas da Coordinadora. E, na do Lérez, Marea de Pontevedra comprométese a apoiar “a posta en marcha de iniciativas de cooperación ao desenvolvemento en países empobrecidos”.
Pola súa banda, Lugo e Vigo son diversas en canto aos compromisos dos partidos. En Lugo, Alternativa Cidadá de Esquerda (ACE) incorpora no seu programa todas as demandas da Coordinadora Galega de ONGD. O PSOE e Lugo Novo apostan polo compromiso coa cooperación pero sen incorporar de xeito específico o compromiso co 0,4% do orzamento nin coas convocatorias de concorrencia competitiva. Pola súa banda, BNG e PP non fan ningunha mención á cooperación nos seus programas.
En Vigo, o BNG e Mare Vigo incorpora todas as demandas das ONGD. O PP, ningunha. E o PSOE, actual partido de goberno, non conta con programa electoral.