Moitas empresas multinacionais, especialmente construtoras, enerxéticas, extractivas e agroalimentarias, desenvolven a súa actividade en terceiros países e en contextos onde os dereitos humanos e o medioambiente non se atopan debidamente protexidos. Algunhas empresas son responsables; pero outras benefícianse causando deforestación, acaparando terras, contaminando, impedindo o acceso á auga e ao territorio. Tales abusos quedan impunes e as comunidades non teñen posibilidade de acceder á xustiza e reclamar danos e prexuízos.
Organizacións da PER, como Alianza por la Solidariedad-ActionAid, documentaron casos nos que os dereitos dos pobos indíxenas foron vulnerados sen consecuencias para empresas españolas. Tal é o caso do pobo indíxena Q’eqchí en Guatemala. Alí, a falla dun estudo de impacto ambiental do complexo hidroeléctrico RENACE e o feito de non ter realizado – como establece na lei- unha consulta previa, libre e informada ás comunidades, permitiu á empresa Cobra-ACS realizar o proxecto sen os requisitos necesarios. Este incumprimento das normas foi confirmado por Punto Nacional de Contacto do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo de España. Tal situación provocou un colapso do cauce do río Cahabón que afectou a unha poboación de 29.000 indíxenas Q’eqchí.
Tamén documentamos o caso da empresa Agrogeba que realizou acaparamento de terras nas comunidades de Sare Diae, Campampe e Sintcham Ioba en Guinea Bissau. Estes casos e outros máis atópanse recollidos no dossier “Casos recentes de abusos de empresas españolas”, que evidencia como a ausencia de normas claras de responsabilidade empresarial vulnera dereitos das persoas (moi especialmente das mulleres) e impacta negativamente no medioambiente.
Unha lei imprescindible coa que xa contan outros países
Para evitar que isto ocorra, España debe aprobar sen dilación unha lei de debida dilixencia empresarial para prever os impactos sobre os dereitos humanos e medioambiente. Unha lei que obrigue ás empresas a contar con plans de debida dilixencia que cubran toda a súa cadea de valor; eses plans deben ser, transparentes e independentes e que garantan que, en caso de ser necesario, as persoas afectadas poidan acceder a xustiza e reparación.
Outros países, como Francia, xa contan cunha lei deste tipo. Grazas a ela, comunidades afectadas en terceiros países puideron levar ante a xustiza á empresa francesa enerxética EDF por contribuír a violacións ao consentimento libre, previo e informado, así como por ataques a defensoras e defensores na implementación dun proxecto eólico Gunaa Sicarú na comunidade indíxena zapoteca de unión Hidalgo, en México. Tamén grupos indíxenas e oenegués demandaron ao Grupo Casino, xigante cadea de supermercados, pola venda de carne asociada á deforestación na Amazonía brasileira e colombiana e a vulneración de dereitos desas comunidades.
Estes casos amosan que contar cunha lei nacional é efectivo para esixir responsabilidades ás empresas e garantir a reparación ás vítimas.
A Plataforma polas Empresas Responsables está formada por 15 organizacións españolas de sociedade civil e representa a máis de 530 entidades: Alboan, Alianza por la Solidaridad-ActionAid, Anesvad, Amnistía Internacional, Coordinadora Estatal de Comercio Justo, La Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, Economistas sin Fronteras, Enlázate por la Justicia, Entreculturas, Fundadeps, Greenpeace, Observatorio de la RSC, Oxfam Intermón, Setem-Ropa Limpia e USO.
Entra na nosa web para coñecer as petición e propostas da Plataforma polas Empresas Responsables.