A cooperación descentralizada galega: cando dende o local se tecen redes co Sur Global

Concellos como Vigo, Santiago ou Lugo e deputacións como a da Coruña ou Pontevedra axudan a soster, a través das ONGD galegas, proxectos de desenvolvemento en varios países do mundo.

Fonte: IPPDH

Chámaselle cooperación descentralizada a todas aquelas iniciativas de cooperación internacional que apoian os gobernos rexionais e locais. Normalmente non o fan directamente,
senón que publican convocatorias para o financiamento de proxectos, destinados ás ONGD que traballan con entidades e organizacións do Sur Global.

Estes colectivos do Sur, denominados polas ONGD contrapartes, son na súa maioría de carácter civil e non dispoñen de apoios institucionais nin de grandes recursos. Unha circunstancia que moitas veces ten que ver coa súa labor de reivindicación e loita sobre dereitos vulnerados nas súas comunidades e que as sitúan,a miúdo, na diana de ameazas, ataques e persecución.

Falamos de defensa do territorio fronte a intereses económicos -en moitos casos foráneos-, de soberanía alimentaria, de igualdade de xénero ou do acceso a dereitos básicos como a educación, a cultura ou a sanidade de comunidades como a indíxena, especialmente vulnerábel.

Neste contexto, o papel das ONGD galegas é a de ponte entre a sociedade civil galega e a dos Países do Sur co apoio das administracións locais.

A cooperación local galega en cifras

Segundo os datos que manexa a Coordinadora Galega de ONGD, dos grandes concellos da nosa comunidade só Vigo, Santiago e Lugo activan convocatorias públicas en concorrencia competitiva para proxectos de cooperación ao desenvolvemento.

Calquera organización que cumpra os requisitos pode presentarse a elas. O resultado das axudas concedidas responde a criterios técnicos e de calidade dos proxectos. Segundo explican dende a Coordinadora Galega, “esta formula é a que mellor se adapta a criterios de transparencia e a que mellor responde ás necesidades de calidade que deben ter os proxectos de cooperación ao desenvolvemento”.

Algúns concellos de menor tamaño, como Oleiros, non publican convocatorias, pero tamén destinan orzamentos a inciativas de cooperación.

En canto ás catro institucións provinciais galegas, só teñen convocatorias en réxime de concorrencia competitiva a Deputación da Coruña e a de Pontevedra.

O alcance económico debera enmarcarse no compromiso acordado hai cincuenta anos na Asamblea de Nacións Unidas: achegarse progresivamente ao 0’7% dos orzamentos das axudas ao desenvolvemento. Un compromiso que tamén recolle a nova Ley de Cooperación para el Desarrollo Sostenible y la Solidaridad Global, dando rango legal a esta obriga adquirida por España.

Pero a realidade é que, a día de hoxe, esta porcentaxe segue lonxe dos orzamentos destinados a cooperación, tamén no ámbito local. Máis alá desta referencia, non é sinxelo contextualizar cuantitativamente as partidas orzamentarias dos nosos concellos e deputacións. Pero si podemos ver que significan, por exemplo, para o erario público:

Son datos recabados pola Coordinadora Galega de ONGD, que destaca dúas circunstancias a ter en conta: os datos de Vigo, que, ademais de ser provisionais, responden a un contexto de impulso recente por parte do Concello das súas convocatorias públicas. E o Concello de Santiago, que publicou en 2022 a súa convocatoria, pero tras catro anos de suspensión.

En xeral, e dende o punto de vista estritamente cuantitativo, as cifras da cooperación local galega están en consonancia con bastantes concellos e deputacións do Estado, pero moi lonxe
de concellos como Vitoria (0,73%), Pamplona (0,78%), Gijón (0,64%) ou Córdoba (0,58%). Ou dalgúns concellos cataláns, como La Garriga ou Castellbisbal, que se sitúan no 1%.

Exemplos que, por certo, abranguen todo o espectro político democrático. O cal demostra que as políticas que se desenvolven en cuestións tan sensibles como os dereitos humanos poden estar á marxe das cores políticas.

Máis alá das cifras: exemplos reais de cooperación local

Ese diñeiro tradúcese en proxectos e en persoas que ven melloradas as súas condicións de vida. Son moitos os exemplos, nos últimos anos, que poderían ilustrar en que se materializa a colaboración impulsada dende as administracións locais galegas.

Centrámonos nalgúns dos máis recentes comenzando polo Concello de Lugo, cuxa liña de convovatorias -a máis antiga de Galicia- posibilitou o ano pasado diversos proxectos. Entre eles o acceso a financiamento da ONGD Solidariedade Internacional, que puido
colaborar co movemento feminista boliviano Mulleres Creando no retellamento e reforma dunha das súas dúas casas autoxestionadas.

Un espazo no que, ademais de actividades políticas e culturais, a organización local ofrece asesoramento, coidado e acompañamento a mulleres (víctimas de violencia de xénero, violencia LGTBIQ+, indíxenas,…) en diferentes situacións de vulnerabilidade. Esta acción
impactou nas case 600 usuarias habituais da casa, que atende a unha media de 3.000 mulleres ao ano. 

No contexto da cooperación ao desenvolvemento é habitual que as organizacións capten fondos de diversas convocatorias para viabilizar e nutrir os proxectos. Porque, sumando esforzos, pódense acadar obxectivos máis amplos.

É o caso do proxecto que a ONGD Taller de Solidaridad desenvolve na cidade boliviana de Cochabamba coa congregación das Servas de San Xosé no país, e no que tamén participa o Concello de Lugo, así como a Deputación da Coruña.

Este proxecto, con fases previas xa finalizadas e apoiadas por ambas entidades galegas, ten como obxectivo o empoderamento dun cento de mulleres e o desenvolvemento dos barrios de Alto Miraflores-Alto Litoral, Monte Olivos e San Francisco con perspectiva de xénero, a través de diversas accións, como alfabetización e formacións de perfil profesional en costura e gastronomía.

Outro exemplo de cooperación local lévanos ata o Concello de Santiago, que vén de apoiar o proxecto de Asamblea de Cooperación Pola Paz coa súa contraparte Redes para fortalecer as
capacidades de mulleres e mocidade e mellorar a súa organización social e económica no municipio de Berlín, no departamento salvadoreño de Usulután.

Este proxecto, pensado para fortalecer a autonomía e a autoxestión de varias familias, baséase na economía circular e no comercio de proximidade, pero comeza por traballar na soberanía alimentaria da comunidade.

Seguindo coa rolda de exemplos, a Deputación da Coruña financia, entre outros, o proxecto de Enxeñería sen Fronteiras actualmente activo nos municipios hondureños de Amapala, Alianza, San Lorenzo e Marcovia. Neste proxecto a ONGD galega traballa da man do Comité de Defensa e Desenvolvemento da Flora e Fauna do Golfo de Fonseca-CODDEFFAGOLF na mellora da sustentabilidade marisqueira e pesqueira artesanal como fonte de ingresos para grupos organizados de mulleres.

A entidade provincial tamén contribuíu ao proxecto de Arquitectura sen Fronteiras no municipio guatemalteco de Champerico. Neste caso a organización galega traballou coa Asociación Indíxena Agripecuaria Pro-Desenvolvememto Integral-Asiaprodi no
acompañamento no proceso de asentamento da comunidade Mam Cajolá, formada por 267 familias indíxenas recén reubicadas na zona. Na meirande parte dos casos, nais solteiras ou viúvas.

O proxecto garantizou as condicións necesarias para a propia gobernanza e a planificación territorial da comunidade, garantindo o respecto cultural e medioambiental e aplicando perspectiva de xénero.

Tamén a Deputación de Pontevedra contribúe á cooperación ao desenvolvemento a través das súas convocatorias. Por exemplo, nos anos 2021 e 2022 Solidariedade Internacional en Galicia puido promover, coas organizacións locais ASPS e a Asociación Salvadoreña de Axuda Humanitaria Provida, a organización comunitaria -e por tanto a mellora da situación económica e alimentaria- de 280 mulleres en El Salvador.

Pola súa banda, Amigas da Terra puido desenvolver con esta convocatoria un proxecto de mellora do exercicio dos dereitos das mulleres rurais en comunidades de Corpus (Honduras), xunto coa súa socia local Asociación de Mujeres Defensoras da Vida-AMDV.

Todos os procesos deste proxecto contaron coa colaboración directa da Oficina Municipal da Muller de Corpus, así como da súa rede de Mulleres contra a Violencia e a Rede Rexional de Mulleres do Sur, e permitiu avanzar no empoderamento e participación activa das mulleres da zona en tres ámbitos: políticas e orzamentos con enfoque de xénero, soberanía alimentaria e nutrición e empoderamento económico.

Tamén o ano pasado o Concello de Vigo posibilitou mediante a súa convocatoria o desenvolvemento, entre outros, dun proxecto en Nicaragua impulsado por Amigas da Terra e o seu socio local Fundación LIDER, consistente na mellora da competitividade e eficiencia produtiva de emprendementos liderados por mulleres socias das tres cooperativas agrarias do departamento de Chinandega.

Baixo un enfoque de economía circular, promoveuse o aproveitamento de novos produtos e subprodutos de plátano, millo e anacardo a través de procesos de diagnose da situación, de
innovación e de formación, así como a súa comercialización a través da plataforma web local Mercadito de las Montañas Nicaragüenses.

En xeral, trátase de proxectos que teñen relación cos dereitos das mulleres, entedidos tamén como a pedra angular do desenvolvemento sostible das comunidades. Traballar a prol da
igualdade de xénero é unha obriga do sector da cooperación. As ONGD galegas levan anos asumindo esta responsabilidade social traballando con diversas sociais locais feministas. En 2020, o 63% da poboación destinataria dos proxectos executados polas entidades membro da CGONGD foron mulleres e metade dos proxectos executados orientáronse de xeito directo á mellora da súa calidade de vida.

Como traballan as ONGD galegas?

Fronte a idea aínda estendida de que son as organización non gubernamentais de desenvolvemento que operan aquí as que executan noutros territorios, cos seus criterios, os proxectos financiados polas administracións, a realidade hoxe en día é totalmente distinta.

Alomenos na meirande parte das entidades, como as que forman parte da Coordinadora Galega de ONGD.

Segundo explican dende Asamblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) en Galicia, “facemos xiras con activistas e contrapartes que axudan a explicar aquí a nosa labor, pero a visión de que marchamos de viaxe a arranxar o mundo segue aínda presente na sociedade”. Segundo
explican, “as ONGD non traballamos nunca de maneira illada nun territorio: traballamos con contrapartes locais que son as que deciden”.

“Apoiamos ás organizacións no que fan”, engade Solidariedade Internacional, que explica que sempre traballan con organizacións do territorio: “Non somos nós quen vai e di o que hai que facer. Elas están alí, son de alí, e coñecen o contexto”.

As ONGD galegas, por tanto, facilitan recursos e coñecementos técnicos, coordinan coas contrapartes os proxectos, fan o seguemento dos mesmos e levan a cabo, aquí, o que se chama labor de incidencia: iniciativas para situar no discurso e nas políticas públicas cuestións de especial interese en relación á defensa e garante dos dereitos humanos. En definitiva, ser altofalantes de realidades esquecidas ou silenciadas e daquelas persoas e colectivos que sofren exclusión e vulneración dos seus dereitos.

Isto inclúe un contacto constante coas forzas políticas e cos representates nas distintas administracións, así como cos medios de comunicación, colectivos diversos e sociedade civil. Pero tamén a presentación de propostas concretas para que o discurso non quede só nunha declaración de intencións, senón que vaia acompañado dun posicionamento firme e de recursos estables.

Conscientes de que non todas as sensibilidades políticas perciben o seu traballo co mesmo interese nin o valoran coa mesma importancia, as ONGD galegas apelan a unha visión máis ampla da realidade.

“A miúdo”, explican dende ACPP, “traspasamos fronteiras co noso consumo. O que facemos vai máis alá do lugar no que vivimos. Seguindo esa lóxica, as responsabilidades dos nosos concellos tamén deberan ir máis alá. E logo hai que ter en conta que esas realidades que percibimos como distintas, en realidade non o son tanto. Se falamos de soberanía alimentaria, aquí temos hortas, no rural e tamén nas cidades. Se pensamos en comercio sostible, podemos pensar nas nosas prazas de abastos… A cooperación internacional establece paralelismos e este é ben sinxelo: todo o mundo come”.

En definitiva, actuar dende o local con pensamento e compromiso global. Ou, dito doutro modo, a solidariedade -horizontal e universal- como manifestación da tenrura dos pobos.

Os retos que afronta a cooperación local

Que precisan as ONGD para abordar os seus proxectos dun modo máis eficiente?

O primeio, simplificar a burocracia, porque ese é habitualmente o gran reto: as convocatorias públicas adoitan ignorar nas súas bases e requisitos a realidade administrativa dos países nos que se desenvolve o proxecto ou o propio feito de seren proxectos transnacionais.

Por iso, as organizacións reclaman fórmulas alternativas que flexibilicen o proceso sen menoscabo do control do diñeiro público. E como complemento a esta simplificación dos procesos, apostan tamén por facilitar coñecementos técnicos aos equipos que, na administración púbica, reciben as propostas e documentacións para valorar e validar.

Actualmente, segundo indican, as dificultades que xorden solvéntanse con diálogo e boa vontade, pero xerando unha importante dose de traballo engadido.

“Cando nós presentamos proxectos”, explican dende a Asamblea de Cooperación Pola Paz, “o persoal da administración vese desbordado polo material que presentamos e os conceptos técnicos que manexamos. Non saben intepretar ben os proxectos, porque, dende o punto de vista do desenvolvemento técnico, cooperación e administración falamos linguaxes distintas. E isto, ademais de complicar o proceso, xéralles moita frustración”.

Pero máis alá destas cuestións, o fundamental para garantir unha cooperación local de calidade é o compromiso real e sostido no tempo das administracións.

Un apoio puntual sirve para unha acción concreta, mentres que unha convocatoria estable abre a porta a planificar procesos, como mínimo, no medio prazo. Poñendo un exemplo sinxelo, non se tarda o mesmo en construír unha escola que en que todos os nenos e nenas dunha comunidade con altas taxas de absentismo estuden de maneira regular.

Cando unha administración local adía unha convocatoria ou non a resolve con celeridade, os prazos de execución dos proxectos varían, pero non así -na meirande parte das veces- os prazos de xustificación. Isto implica que os proxectos teñen que desenvolverse en menos tempo do inicialmente previsto.

E aquí é onde xorden varias dificultades: o receptor da convocatoria está aquí, pero a contraparte que desenvolve o proxecto está a miles de quilómetros, nun contexto administrativo, económico e social totalmente distinto. Cando os recursos finalmente chegan,
debe desenvolver en menos tempo un proceso que, de por si, require de prazos máis amplos. “Algo que se ía facer en oito meses de pronto ten que facerse en catro. Para un concello esta demora non é relevante, pero para un proxecto de cooperación ao desenvolvemento eses meses supoñen moito”, indican dende Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

O retraso impacta na contraparte e no proxecto en terreo e isto, á súa vez, xera unha problemática importante para a ONGD mediadora. Algo que adquire unha dimensión moito máis complexa cando a administración suspende a convocatoria prevista.

En xeral, á marxe destas circunstancias, a sensación das organizacións é de que o compromiso por parte da administración local existe, na medida na que se activan convocatorias públicas. Froito, segundo indican, dun traballo constante.

O gran reto, probablemente, sexa manter esa liña de diálogo e colaboración coas administracións aberta e activa, pero tamén coa sociedade. Botar man de pedagoxía para ser quen de explicar que son e que fan, máis alá de prexuízos e estereotipos, as organizacións que traballan na cooperación ao desenvolvemento.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: