A axuda humanitaria, un compromiso que transcende a Ucraína

Profesionais das ONGD alertan da urxencia da situación e piden o amparo e recoñecemento dos Estados

Fonte: IPPDH

Sete meses van dende o comezo do agravamento do conflito na Ucraína. Sete meses nos que as tensións xeopolíticas seguiron escalando e nos que se produciu unha incesante sucesión de desastres naturais en distintas partes do mundo. Á emerxencia climática súmanse as graves consecuencias socioeconómicas que arrastrou a pandemia, as causadas pola situación na Ucraína, e os 32 conflitos armados activos no mundo, segundo o último informe de Escola Cultural de Pau. O impacto destas crises humanitarias afecta xa a 274 millóns de persoas máis alá da poboación ucraína, segundo as últimas cifras da Axencia de Nacións Unidas para a Asistencia Humanitaria, polo que a realidade global é aínda máis preocupante. Ante este contexto, a Coordinadora Galega de ONGD alerta da situación de urxencia e pon o foco na importancia da axuda humanitaria a tódolos niveis.

“A paz é moito máis que a ausencia de guerra, porque as desigualdades e inxustizas estruturais, os discursos de odio e a destrución do medio ambiente son violencia”

Este momento de crise global pon de manifesto que son susceptibles de axuda humanitaria non só aquelas situacións de conflitos bélicos, catástrofes naturais ou pobreza extrema, senón todas aquelas que atenten contra a dignidade das persoas. “Non cesamos de repetir que a paz é moito máis que a ausencia de guerra, porque as desigualdades e inxustizas estruturais, os discursos de odio e a destrución do medio ambiente son violencia”, comenta Susana Fernández, responsable da Delegación de Movimiento por la Paz en Galicia.

Esta atención debe dirixirse, polo tanto, a abordar as causas sistémicas das violacións de dereitos humanos dende a prevención, a atención á situación concreta de emerxencia e a recuperación posterior. “A axuda humanitaria debe ver máis alá da resposta inmediata durante e posterior a unha crise; debe traballar para aumentar a preparación e reducir vulnerabilidades”, apunta Raquel López, técnica de proxectos da Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). 

Ante estes contextos de crises é fundamental recoñecer como esencial o traballo das organizacións humanitarias. Nos últimos anos o número de ataques a persoal e centros de atención humanitaria, hospitais e refuxios foi aumentando de xeito progresivo. “É un deber dos Estados garantir a protección do persoal que traballa ofrecendo axuda humanitaria e o seu adecuado acceso aos lugares necesarios”. Así o expón Felipe Noya, voluntario de acción humanitaria e vogal da Coordinadora de ONGD de España, quen fai fincapé na necesidade de “redobrar esforzos” para avanzar cara unha “diplomacia humanitaria responsable” que poña no centro a tódalas persoas e respecte o espazo humanitario.

É fundamental recoñecer como esencial o traballo das organizacións humanitarias e garantir a protección do persoal  e  seu adecuado acceso aos lugares necesarios.

“Espérase un inverno de descontento a nivel mundial, as desigualdades dispáranse, o planeta está ardendo, a xente sofre e as persoas máis vulnerables lévanse a peor parte”, alertou Antonio Guterres, secretario xeral da ONU, na pasada asemblea. As consecuencias desta situación precisan unha suma de esforzos. Pese ao incumprimento de moitos compromisos asumidos e ás incesantes violacións do Dereito Internacional Humanitario por parte dalgunhas administracións, moitas ONGD traballan en camiño de mellorar as condicións de vida de millóns de persoas afectadas en diversas partes do mundo.

Asistencia médica | © DDM / Entreculturas

O TRABALLO DAS ONGD GALEGAS NAS “CRISES ESQUECIDAS”

CAMPAMENTOS DE PERSOAS REFUXIADAS SAHARAUÍS (CRS)

Médicos do Mundo traballa nos Campamentos de Persoas Refuxiadas Saharauís (CRS) en Tinduf (Alxeria) da man do persoal sanitario saharauí dende 1995. Un aproximado de 178.000 persoas levan décadas en situación de exilio e illamento forzado na hamada alxerina. As súas condicións víronse agravadas tralo cambio de posición do Goberno español, que en marzo deste ano decidiría apoiar o Plan de Autonomía promovido por Marrocos.

Médicos do Mundo contribúe a desenvolver programas de saúde e iniciativas que posibilitaron un modelo de organización e xestión dos servizos sanitarios acorde co contexto e orientados á situación de refuxio. Ademais, grupos de persoas voluntarias realizan comisións médicas nos campamentos para reforzar a atención primaria e mellorar a motivación do persoal sanitario saharauí.

 

EL SALVADOR – FORTALECER A ATENCIÓN E PROTECCIÓN INTEGRAL DA COMUNIDADE LGBTI

Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) desenvolve unha intervención en El Salvador que pretende fortalecer a atención e protección integral a persoas LGBTI en situación de vulnerabilidade por violencia, desprazamento forzado e procesos de mobilidade humana. Segundo datos de ACNUR e Comcavis Trans, en 2021 produciuse o desprazamento forzado de 166 persoas LGBTI no Salvador, ás que se sumarían as 528 rexistradas con anterioridade. Este colectivo sofre a violación sistemática de dereitos humanos en base á súa orientación sexual, identidade e expresións de xénero, provocando un alto nivel de exclusión social.

ACPP, da man de Comcavis Trans, procura garantir que a poboación LGBTI que require medidas de protección, poida acceder a solucións de aloxamento temporal, así como a servizos de atención especializada para a rehabilitación psicolóxica e asistencia xurídica. Tamén, busca facilitar ás persoas da comunidade que se atopan en situación de vulnerabilidade recursos para o seu acceso a alimentación, aloxamento e hixiene dignos. Ademais de dar resposta inmediata ás necesidades básicas, ACPP pretende xerar cambios sociais na percepción do colectivo. Esta proposta é a primeira sobre xénero e poboación LGBTI en acción humanitaria e marca un precedente neste eido.

 

FRANXA DE GAZA – PROVISIÓN DE SERVIZOS DE ATENCIÓN SANITARIA E PSICOSOCIAL

Movimiento por la Paz Galicia -MPDL- traballa dende 2002 na Franxa de Gaza co obxectivo de mellorar as condicións de vida e a promoción do acceso a dereitos da poboación en situacións de maior vulnerabilidade. Dende hai 15 anos, a poboación da Franxa de Gaza sofre unha situación de máxima vulnerabilidade asociada á política de bloqueo e castigo colectivo realizada polo Estado de Israel. Esta situación viuse agravada nos últimos anos pola emerxencia sanitaria xerada pola COVID-19 e as consecuencias das escaladas de violencia da Gran Marcha de Retorno (2018) e a operación militar “Guardián de los Muros” (2021).

Xunto á súa socia local, Palestinian Medical Relief Society (PMRS), Movimiento por la Paz desenvolveu proxectos de axuda humanitaria enfocados en mellorar as condicións de vida e a inclusión da poboación vítima da violencia. Procurouse a provisión de servizos de atención ás feridas e lesións complexas; de rehabilitación, próteses e axudas técnicas; a mellora da saúde mental e o fortalecemento da resiliencia das persoas e das capacidades destas para a execución de actividades básicas da vida diaria.

Fonte: Imaxes cedidas por Movimiento por la Paz – MPDL – Galicia

IEMEN – GARANTIR O DEREITO Á SAÚDE E FORTALECER O SISTEMA SANITARIO

Farmamundi realiza intervencións de emerxencia para garantir o exercicio do dereito á saúde e fortalecer o sistema sanitario da Gobernación de Taiz, gravemente afectada pola guerra civil en Iemen. Este conflito de Oriente Próximo destaca por ser unha das crises humanitarias máis desafiantes na actualidade. Os últimos oito anos de conflito armado que seguiron á crise nada en 2011, desembocaron nun severo declive económico, levando ao país ao borde da fame, agravando as necesidades en todos os sectores. Os desprazamentos internos son fluxos constantes dende o inicio da guerra e organizacións como ACNUR informan que más da metade dos 4 millóns de persoas desprazadas internas encóntranse en zonas con limitado acceso a medios de vida seguros e presenza de organizacións humanitarias. A todo isto súmanse as consecuencias da pandemia do COVID-19, que ocasionaron un aumento da precariedade dos medios de vida e unha sobrecarga aínda maior sobre o sistema sanitario.

O subministro de medicamentos de emerxencia a centros de saúde e a formación e capacitación de traballadores/as sanitarios/as son os dous piares do traballo que realiza Farmamundi en Taiz.

 

NORTE DE MARROCOS (TÁNXER E NADOR) – ASISTENCIA E PROTECCIÓN DE PERSOAS MIGRANTES

Entreculturas é unha organización que traballa a educación, por isto, aposta pola Educación en Emerxencia como sector prioritario na acción humanitaria por considerala clave para a xeración dunha cultura de paz.

O seu traballo en Nador e Tánxer (Marrocos) ten como obxectivo garantir o acceso efectivo á asistencia humanitaria e á atención sociosanitaria (preventiva e curativa) das comunidades migrantes afectadas pola COVID-19 poñendo o foco nos colectivos máis vulnerables: mulleres, infancia, persoas migrantes con enfermidades, etc. O norte de Marrocos é un enclave estratéxico para o fluxo migratorio de persoas en tránsito que proceden de países que se encontran en situacións de conflito social, político e/ou económico. Entreculturas busca reducir a vulnerabilidade física e psicosocial destas comunidades a través da asistencia humanitaria de bens e servizos de primeira necesidade e do fortalecemento das capacidades e competencias psicosociais e coñecementos sobre dereitos.

 

LÍBANO – PROTECCIÓN DE POBOACIÓN REFUXIADA SIRIA

Ademais do traballo realizado con persoas migrantes no norte de Marrocos, Entreculturas traballa tamén na protección de persoas refuxiadas. Líbano atravesa a peor crise económica e política da súa historia recente, o que agrava notablemente as condicións das persoas refuxiadas que se atopan en situación de vulnerabilidade. Así mesmo, son cada vez maiores os obstáculos que afrontan os nenos e nenas refuxiados/as sirios/as para acceder á escola.

Entreculturas traballa no distrito fronteirizo de Bar Elias, no val de Bekaa (Líbano), na procura de espazos seguros para os grupos de poboación máis vulnerables dende onde garantir o fortalecemento da súa capacidade de resiliencia e recuperación e a mellora do seu benestar físico, mental, emocional e social, dende un enfoque de rehabilitación pos traumática e de reconstrución do tecido social. Así, preténdese que a infancia e as súas familias poidan incrementar a súa capacidade de previr, identificar e responder aos riscos de protección infantil máis comúns na zona da intervención.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: