

Percorre 700 quilómetros e ten máis de 200 vagóns. O tren transporta ferro dun dos xacementos máis grandes do mundo para ser exportado a China e Europa, principalmente, e empregarse na construción de edificios, automóbiles e maquinaria.
O coñecido como “tren de ferro” recolle a súa mercancía na mina de Zouerat, cruza o deserto do Sáhara e finaliza o seu traxecto en Nuadibú, a segunda cidade máis importante de Mauritania e capital comercial do país.
En 2019, os principais produtos que se exportaron de Mauritania foron o ferro e os seus concentrados (transportados no ‘tren do ferro’) seguido do peixe conxelado, o ouro en bruto e os moluscos e crustáceos. Os principais países de destino foron, por esta orde, China, Suíza, o Estado español, Xapón e Italia, segundo datos de The Observatory of Economic Complexity.
Mauritania é tan extensa como dúas penínsulas ibéricas. Só o 0,5% da superficie do país é apta para o cultivo. Todos os anos, o país sofre fortes secas e fenómenos naturais adversos que danan os seus campos e pastos para o gando.
A poboación mauritana enfróntase desde hai varios anos a unha serie recorrentes crises nutricionais malia a súa gran riqueza natural na costa. Unha diversidade que está ameazada pola pesca intensiva das empresas estranxeiras, entre as cales de orixe español, e a pesca ilegal.
Por outra banda, o aumento da inseguridade pola ameaza do terrorismo yihadista no Magreb e o aumento continuo do número de persoas refuxiadas na fronteira sur que se desprazan desde Mali, a metade delas menores de idade, provoca que Mauritania xega un país en gran situación de vulnerabilidade e dependente da axuda internacional.
Xustiza xuvenil
A ONG Terra de Homes traballa en Mauritania co obxectivo principal de fortalecer o sistema de xustiza do país para garantir os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes tanto vítimas como autores de infraccións; e integrar a xustiza xuvenil no sistema de protección da infancia.
Traballan en Zouerat e Nuadibú, cidades situadas nunha zona cun gran tráfico transfronteirizos e con delincuencia xuvenil. As accións de Terra de Homes baséanse na protección da infancia reforzando os sistemas de protección dos menores en situación de vulnerabilidade para asegurar o acceso á xustiza destes nenos e nenas.
Son tres os principais eixes de traballo: o eixo comunitario, incluíndo tanto o reforzo de capacidades dos actores formais, como das organizacións comunitarias de base e dos actores informais; o eixo institucional, reforzando as capacidades dos actores responsables de aplicar medidas xudiciais e do persoal que intervén nos sistemas de protección; o eixo de mellora da coordinación dos sistemas de protección, garantindo así o recoñecemento mutuo dos actores institucionais e comunitarios para facilitar a atención a menores en conflito coa lei en base aos principios da xustiza restaurativa.
