Ceuta: unha crise humanitaria que esixe responsabilidade política e dereitos humanos

Facemos un chamamento ás administracións públicas para que garantan os dereitos humanos, a asistencia humanitaria e a convivencia. As ONG estamos cumprindo o noso deber, que non é outro que garantir asistencia e apoio humanitario a centos de persoas —moitas delas posibles refuxiadas e moitas outras nenos e nenas— atrapadas nunha situación de extrema vulnerabilidade.

Fonte: IPPDH

31 Agosto 2026 |

  • Dende a Coordinadora Galega de ONGD expresamos a nosa profunda preocupación pola deriva violenta que se está producindo en Ceuta.
  • Facemos un chamamento ás administracións públicas para que garantan os dereitos humanos, a asistencia humanitaria e a convivencia.
  • Dende a Coordinadora Galega de ONGD mostramos o noso apoio ás persoas migrantes, á poboación ceutí e ao persoal das ONG que están sendo atacadas.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD mostramos a nosa profunda preocupación pola deriva violenta que se está producindo arredor da crise humanitaria en Ceuta. Facemos un chamamento á calma e demandamos poñer freo á instrumentalización política que se está producindo e que ten graves consecuencias sobre as persoas migrantes e a poboación ceutí.

Demandamos unha resposta coordinada das administracións públicas que dea unha solución rápida a unha crise humanitaria que se está alongando demasiado. Os mecanismos e recursos para responder a esta situación existen e deben poñerse en marcha coa maior brevidade posible, garantindo en todo momento os dereitos e a protección das persoas.

Dende Coordinadora Galega de ONGD lembramos que se trata dunha crise humanitaria que debe ser tratada como tal. Isto esixe que a resposta cumpra de maneira escrupulosa os principios humanitarios e as leis internacionais que rexen este tipo de situacións. Neste sentido, as ONG estamos cumprindo co noso deber, que non é outro que garantir asistencia e apoio humanitario a centos de persoas —moitas delas posibles refuxiadas e moitas outras nenos e nenas— atrapadas nunha situación de extrema vulnerabilidade.

As nenas atópanse, ademais, nunha situación de especial vulnerabilidade e afrontan riscos específicos de violencia, explotación e trata. Tamén as mulleres adolescentes e embarazadas e a poboación LGTBIQ+ que permanecen ocultas por medo a represalias, agresións ou devolucións. A súa protección e atención específica deben ser unha prioridade en calquera resposta humanitaria.

A Coordinadora Galega de ONGD alertamos tamén sobre a espectacularización e deshumanización coas que algúns medios de comunicación están abordando esta situación. Os discursos que alimentan o enfrontamento social son eticamente reprobables, profesionalmente irresponsables e socialmente perigosos.

Necesidades e solidariedade ceutís

Manifestamos tamén a nosa comprensión coas necesidades e medos da poboación ceutí, que viu como a súa cidade se ve afectada por unha situación excepcional que afecta á convivencia. A poboación de Ceuta convive historicamente na súa diversidade; proba diso é que, nestas semanas, moitas persoas da cidade ofreceron redes de apoio e solidariedade a centos de persoas, moitas delas nenos e nenas.

A crise responde a lóxicas e razóns xeopolíticas que eluden as necesidades da poboación ceutí, da poboación marroquí máis pobre ou de quen foxe de conflitos e situacións extremas. As persoas non poden ser utilizadas como instrumento de presión política ou xeopolítica. Esta instrumentalización constitúe unha vulneración do dereito internacional, dos principios e valores democráticos que deben rexer as nosas sociedades e do deber de protexer a vida humana.

A Coordinadora Galega de ONGD lembramos, ademais, que é fundamental garantir unha cooperación cos países de orixe e tránsito baseada nos dereitos humanos e non exclusivamente na contención e externalización de fronteiras. É esencial que se promovan políticas internacionais que fomenten a paz, o desenvolvemento e o benestar das poboacións e os seus contornos.

Responsabilidade múltiple

A situación está tomando unha deriva moi preocupante ante a cal facemos un chamamento a:

  • As administracións públicas, para que ofrezan unha resposta coordinada e responsable que solucione de forma rápida esta crise humanitaria. Deben traballar tamén para construír propostas a longo prazo que eviten situacións similares.
  • Os medios de comunicación, para que garantan enfoques éticos e responsables que non alimenten discursos de odio.
  • A cidadanía, para que faga un uso responsable e crítico das redes sociais que non fomente a violencia nin os bulos.

A responsabilidade múltiple —política, da sociedade civil, dos medios de comunicación e da sociedade no seu conxunto— debe ser asumida de forma que se garantan plenamente os dereitos humanos, a asistencia humanitaria, a convivencia e a construción de propostas a longo prazo que eviten situacións futuras similares.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: