As organizacións que formamos parte da Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento saudamos a posibiidade dun acordo de alto o fogo en Gaza. Antes as últimas informacións sobre o retraso da votación por parte do Goberno de Israel, confiamos en que este finalmente vote a favor do acordo.
Lembramos que o alto o fogo debe ser pemanente e poñemos de novo o foco na urxente necesidade de garantir a asistencia humanitaria a corto prazo e os dereitos humanos, a xustiza e a paz no longo prazo.
Aledámonos da liberación das persoas retidas como reféns durante máis dun ano por Hamás e outros grupos armados palestinos e das encarceradas por Israel.
Esperanza nun momento extremo
Máis dun ano despois de asedio sobre Gaza e do aumento da violencia no resto do Territorio Palestino Ocupado -engadido ao impacto dunha ocupación israelí de décadas- a realidade é devastadora: case 47.000 persoas palestinas foron asasinadas en Gaza, máis de 100.000 resultaron feridas, a meirande parte da poboación sofre fame crónica, a axuda humanitaria entre con contagotas e hospitais e escolas foron bombardeados.
A situación da infancia é especialmente preocupante, así como a de mulleres embarazadas ou poboación anciá. O 90% da poboación palestina da Franxa de Gaza -uns dous millóns de persoas- víronse obrigadas a desprazarse de maneira constante, sen posibilidade de escapar.
A violencia en Cisxordania, incluída Xerusalén Leste, non deixou de medrar neste tempo, afectando ás vidas, fogares e medios de vida de palestinos. Case 100 reféns israelíes e doutras nacionalidades seguen retidos en Gaza e descoñécese a situación dun número indeterminado de persoas palestinas, detidas nestes meses. Nesta situación, a sinatura dun acordo de alto o fogo abre unha porta de esperanza absolutamente crucial nun momento tan extremo.
As ONG da Coordinadora de Organizacións para o Desenvolvemento que traballan na zona, man a man con organizacións locais, acollen esta decisión con ledicia e, ao mesmo tempo, con cautela ante a súa fraxilidade. E agardan que o alto o fogo sexa definitivo coa maior brevidade.
A destrucción en Gaza e Cisxordania non ten precedentes; máis de dous millóns de persoas viven unha situación extrema con graves problemas de saúde ou alimentación. As infraestruturas, os hospitais, as casas, as vidas de moitas familias, todo está destruído. Recompoñer a vida vai precisar non só de ladrillos e cemento senón, e sobre todo, dun longo proceso no que estean garantidas a asistencia humanitaria constante e suficiente, a xustiza, o diálogo permanente, a reparación, os dereitos humanos e a paz.