Os proxectos de cooperación que se desenvolven nos países do Sur Global dependen de moitas persoas. Por unha banda, as que forman os equipos técnicos das ONGD, que son quen formulan -redactan, argumentan e documentan- os proxectos para presentalos ás convocatorias públicas de subvención.
Por outra, as técnicas e técnicos da Administración que revisan, analizan e requiren todo o que é preciso, tanto na recepción desa documentación que se presenta como, unha vez executado o proxecto, na súa xustificación final.
Están tamén as responsables políticas que toman a decisión de convocar, manter e dotar estas subvencións públicas e, por suposto, están as profesionais das organizacións do Sur -as nosas contrapartes- que executan eses proxectos nas súas comunidades, facilitando procesos que fortalecen ás persoas que participan neles e ao conxunto da sociedade.
Son, por tanto, moitas persoas termando de cada proxecto de cooperación. Persoas que -salvo no caso das ONGD e as súas contrapartes- non teñen ocasión de coñecerse en persoa, falar tranquilamente dos proxectos ou poñer en común problemas e solucións.
Polo menos, ata a celebración deste Encontro.
Un encontro para fortalecer a solidariedade
Esta xornada de traballo con concellos e deputacións solidarias serviu, precisamente, para ter unha primeira experiencia de contacto, coñecemento e posta en común.
Facilitado pola consultar Devalar -que nas semanas previas estivo traballando con organizacións e administracións para posibilitar este proceso- reuniu aos concellos de Santiago e Lugo e ás deputacións da Coruña e Pontevedra, así como a técnicas da Xunta de Galicia e o Fondo Galego de Cooperación, ademais dunha ampla representación de organizacións de cooperación ao desenvolvemento.

Ademais, o encontro posibilitou algo que tampouco adoita ocurrir: que responsables políticas e técnicas puideran falar directamente coas profesionais do Sur Global -neste caso de Colombia, A India, Bolivia e El Salvador- que ata agora só coñecían pola documentación que acompaña a xustificacións dos proxectos.
Este encontro serviu para que técnicas e responsables políticas puideran coñecer o impacto real do seu traballo e das súas decisións. Un impacto que vai moito máis alá da documentación e das memorias coas que se xustifica escrupulosamente a execución de cada proxecto.
Unha oportunidade de coñecemento mutuo
O encontro foi, para todas as participantes, unha moi boa ocasión para comprender as dificultades e necesidades que existen a cada lado da xestión dun proxecto.
Para as organizacións, serviu para coñecer como afrontan o traballo as técnicas da administración e as dificultades que deben resolver; para as técnicas e técnicos, foi a oportunidade de comprender as dificultades das organizacións.
E, dende ese recoñecemento mutuo, serviu para tratar de aportar posibles melloras nos procedementos que implican cada subvención e cada proxecto de cooperación ao desenvolvemento. E, sobre todo, tecer unha rede común a partir da cal seguir construíndo.