Terremoto en Turquía e Siria: unha crise humanitaria sobre outra

A axuda inmediata é crucial para salvar vidas. As nosas ONG, en colaboración coas súas socias locais, xa están atendendo as necesidades máis urxentes da poboación.

Fonte: IPPDH

O peor terremoto en décadas na rexión tivo un impacto enorme non só pola súa magnitude, senón por golpear a unha rexión afectada por unha guerra de máis de 10 anos que sumiu á poboación nunha situación extrema con múltiples crises. Máis de catro millóns de persoas xa dependían directamente da axuda humanitaria para sobrevivir. Preocupa especialmente a cidade de Alepo.

Outro dos problemas que afectan á rexión é que, mesmo antes do terremoto, o apoio internacional humanitario quedaba moi por baixo do que se necesitaba. O ano pasado a ONU daba a voz de alerta aos países doantes: lembraba que a crise multidimensional que vive a zona esixía un maior compromiso humanitario.

 

SIRIA, MOI LONXE DA RECUPERACIÓN

A situación preocupa especialmente no norte de Siria, unha zona que xa requería apoio humanitario antes da chegada da catástrofe natural. “Estamos a falar dunha zona devastada por unha guerra, será máis difícil a accesibilidade que noutras zonas, será máis difícil a reconstrución, e nalgunhas zonas estamos a falar de decenios”, asegura Felipe Noya, vogal de Médicos do Mundo.

Nas gobernacións de Alepo, Lattakia, Hama, Idleb e Tartous, o terremoto trae dificultades adicionais ás poboacións xa afectadas polo desprazamento, o conflito prolongado e a recesión económica. Aínda que as infraestruturas sanitarias sufriron danos leves segundo os informes iniciais, os centros de saúde están desbordados polo rápido aumento de persoas feridas e o recente brote de cólera e as enfermidades transmisibles de inverno.

A maioría dos artigos de axuda subminístranse dende o interior de Siria, o que suporá un desafío a medida que os bens escaseen, xa que esta resposta verase moi obstaculizada polas sancións actuais que afectan ás transferencias bancarias, así como á importación de artigos de socorro que salvan vidas, incluídos os medicamentos.

 

A RESPOSTA INMEDIATA É CRUCIAL

As nosas ONG na zona están a traballar man a man coas socias locais e a poboación. A atención inmediata é crucial para salvar vidas, especialmente nun contexto no que o frío extremo e a escaseza de recursos dificultan as tarefas de rescate. Están a avaliarse as necesidades inmediatas e os danos causados. “Nacións Unidas e as súas socias están supervisando a situación sobre o terreo en medio das limitacións no fluxo de información debido ás interrupcións crónicas das telecomunicacións e á escasez de electricidade. As carreteras están bloqueadas tanto en Turquía coma no noroeste de Siria. As nosas socias están traballando na recuperación e identificación de persoas supervivientes e outras que xa faleceron. Esa é,
agora, a prioridade”, informa Tania Montesinos, responsable de Acción Humanitaria de Farmamundi.

Esta avaliación inicial é esencial para responder de forma rápida e efectiva; tamén para sentar as bases do que será a etapa posterior de acompañamento. “Hai que facer unha boa identificación para saber onde e en que condicións de seguridade se pode traballar para dar unha boa resposta”, apunta Felipe Noya.

É urxente que a comunidade internacional ofreza un apoio humanitario inmediato e que o traballo de recuperación posterior a esta primeira etapa sexa garantido xunto ás organizacións da sociedade civil da zona. “A implicación da sociedade na emerxencia é importante, pero tamén insistimos moito en que moitas veces as emerxencias quedan olvidadas nesa fase de reconstrución que é fundamental, é clave”, defende Noya. O compromiso das administracións debe consolidarse máis alá da atención urxente requirida neste momento.

COMO COLABORAR?

Agradecemos á cidadanía as súas mostras de apoio e lembramos que, para colaborar en situacións de emerxencia, é importante ter en conta algunhas cuestións crave para canalizar do mellor xeito posible a resposta solidaria. “É preciso informarse ben sobre en que medida se pode axudar. Normalmente as ONGD, as institucións, traballamos con axentes loxísticos que xa nos suministran tódolos materiais e todas aquelas necesidades axustadas ás condicións no terreo para que sexa máis factible o transporte e se faga en condicións de seguridade”, asegura Felipe Noya.

A boa vontade non é suficiente, se queres apoiar, asegúrate de que optas pola opción máis axeitada informándote de tódalas opcións. Ten en conta que, nunha situación de crise humanitaria os problemas manteranse por moito tempo. A túa axuda non é urxente, será válida durante moito tempo por iso non debes precipitarte coa túa decisión.

 

ONGD da Coordinadora na rexión:

Educo

Entreculturas

Farmamundi

Jóvenes y desarrollo

Manos Unidas

Médicos del Mundo

Oxfam Intermón

Sed

Tierra de Hombres

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: