A maior crise humanitaria dun mundo en conflito

Tras dous anos de guerra Sudán afronta a peor crise de desprazamento e fame do mundo. Neste momento, a metade da súa poboación non ten alimentos suficientes, afectando a millóns de nenos e nenas.

Fonte: IPPDH

15 Abril 2025 |

Sudán afronta neste momento a maior crise humanitaria e de desprazamento do mundo. Unha afirmación dramática de por si, pero que acada toda a súa dimensión se temos en conta, precisamente, como está o mundo. Con situacións tan graves contra os dereitos humanos como a de Palestina, pero tamén a de República Democrática do Congo, Ucraína ou a de ducias de conflitos activos que nin sequera forman parte do noso día a día informativo.

Que significa a crise de Sudán?

Agora mesmo en Sudán máis de 24 millóns de persoas non teñen alimentos suficientes para a súa subsistencia. Máis de 12 millóns tiveron que fuxir nos últimos dous anos dos seus fogares, converténdose en protagonistas dun dos maiores desprazamentos forzosos do planeta.  En 5 zonas do país hai actualmente fame sistémica e considérase que 17 zonas máis do país en situación moi vulnerable poderían seguir ese mesmo camiño. 

Neste momento, a ONU calcula que 30 millóns de persoas -a metade delas menores- precisan axuda urxente. Detrás destas dramáticas cifras está a guerra que dende o 15 de abril de 2023 arrasa o país.

Asalto ao campo de Zamzam

Zamzam, con case 750.0000 persoas acolidas, é un dos campos de desprazadas máis grandes de Sudán e vén de ser víctima dun ataque que engade máis sufrimento a unha poboación castigada pola fame, a violencia e a falta absoluta de recursos.

Este último asalto deixa unha cifra de alomenos 300 persoas mortas e un gran número persoas que fuxiron poñendo en risco a súa propia supervivencia, ademais de numerosos testemuños documentados de asedios, saqueos e asasinatos.

Esta situación non é nova. O pasado mes de febreiro Médicos sen Fronteiras tivo que tomar a decisión de marchar do campo pola escalada de violencia e os graves problemas de seguridade. Dende aquela, a organización perdeu o contacto cos seus colaboradores locais. Neste último ataque, nove compañeiros médicos de Relief International, a única organización humanitaria internacional que seguiu operando en Zamzam, foron asasinados.

A vulnerabilidade da infancia

A ONU alerta de que neste contexto de extrema inseguridade e necesidades a cantidade de nenos e nenas que precisan asistencia humanitaria en Sudán rebasa xa os 15 millóns, duplicando as cifras rexistradas en 2023, no comezo da guerra.

A violencia en ascenso, a fame e as restriccións de acceso e financiamento da axuda poden convertir esta situación nunha catástrofe aínda maior, segundo alerta o Fondo da ONU para a Infancia. Dos 1.000 millóns de dólares necesarios para afrontar este ano, UNICEF apenas recibiu 12.

Case a metade das persoas desprazadas son nenos e nenas. Neste dous últimos anos, as violacións graves contra a infancia aumentaron un 1000%, incluíndo asasinatos, mutilacións, secuestros e ataques a escolas e hospitais.

Catherine Rusell, directora executiva de UNICEF, é clara: “Sudán é a maior crise humanitaria hoxe en día, pero o mundo non lle está prestando atención”.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: