Nacións Unidas vén de facer un chamamento a respectar os principios humanitarios no caso de Níger, tralo golpe de Estado. Neste sentido, a ONU lembra que “todas as partes implicadas deben permitir que os equipos humanitarios accedan ás persoas que precisan asistencia”. Como dato, máis do 60% dos 25 millóns de habitantes do país, vive por debaixo do umbral da pobreza.
Unha situación moi delicada da que se fai eco La Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, da que forma parte a Coordinadora Galega de ONGD. A plataforma, que lembra que trece das súas organizacións traballan no país, publicou un comunidado ao respecto.
E lembra que Níger, pola súa fraxilizade política e pobreza histórica, é ´”un exemplo paradigmático do imprescindible que resulta que a axuda internacional teña en conta o triple nexo: é dicir, a intervención conxunta de acción humanitaria, construción de paz e desenvolvemento sostible”.
Temor polo impacto das sancións na poboación de Níger
Se ben o Ministerio español de Asuntos Exteriores e Cooperación anunciou hai uns dúa sa suspensión da súa cooperación para o desenvolvemento bilateral con Níger, os proxectos executados vía ONGD non están afectados por esta medida e, polo momento, manteñen a súa actividade con persoal local.
Todo isto nun marco de parálise administrativa e inseguridade, ao que se suman as sancións internacionais, que incluén a suspensión de axuda financeira para o país. Isto preocupa especialmente ás organizacións, xa que estas medidas impactarán na poboación.
Segundo datos de Nacións Unidas, máis de 4 millóns de persoas precisan apoio humanitario en Níger, na súa meirande parte mulleres e menores. Os proxectos que desenvolven as ONGD e proporcionan esa axuda están orientados a ámbitos como saúde, soberanía alimentaria, educación ou atención á infancia.
Neste sentido, La Coordinadora lembra que o cumprimento do Dereito Internacional Humanitario e os dereitos humanos deben ser garantidos.