María Galindo

Bolivia

Bastarda, antiseñorita, abajista e axitadora de rúa

Imaxe cedida por María Galindo

María Galindo é activista, artista, psicóloga, anarcofeminista… Segundo as súas palabras “axitadora de rúa, bastarda, abajista e antiseñorita”. En 1992 cofundou o colectivo feminista autónomo Mujeres Creando, poliédrico coma ela: un espazo de resistencia a través da arte da cultura popular, de sostemento das mulleres superviventes de violencia machista e de denuncia dos abusos de poder. 

O activismo de María pasa por “despatriarcalizar a sociedade destruíndo, un a un, conceptos que se erixen como os pedestais que sosteñen ao patriarcado e ao colonialismo”. Ten 57 anos e leva catro décadas participando en espazos feministas de transformación social. 

“A loita social é infinita e nunca pode ser solitaria: faise coas irmás, coas amigas, coas outres”. Desde hai máis de 10 anos codirixe Radio Deseo, a emisora de Mujeres Creando presente nas ondas e na rede que reúne voces de distintas organizacións sociais, xéneros musicais e campos do saber.

“Somos unha referencia de rebeldía e dignidade para as mulleres bolivianas: unha fábrica de produción de xustiza”.

Mujeres Creando colabora coa ONGD Solidariedade Internacional