A Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento publica a terceira edición de O traballo das ONGD galegas no mundo: un completo informe que aborda o traballo das organizacións de cooperación ao desenvolvemento dende diversas perspectivas.
Así, o documento pon o foco nos sectores de traballo, na poboación destinataria dos proxectos e nos 23 países nos que a cooperación galega está presente.
Pero tamén en aspectos máis internos das organizacións, como os seus recursos humanos ou o perfil dos equipos directivos, ademais de analizar pormenorizadamenre os fondos recibidos e a súa finalidade.
Feminismos e fortalecemento social fronte ao autoritarismo
Se na anterior edición do informe, publicada en 2022, os proxectos desenvolvidos no Sur Global poñían o foco na sororidade como forza impulsora para un mundo máis xusto, na actual edición a cooperación galega presenta novos matices, en liña co papel das mulleres, tanto nas organizacións como nas comunidades nas que as ONGD teñen presenza.
Segundo os datos do informe, consolídase a aposta das organizacións galegas por unha cooperación con enfoque feminista, non só como eixo transversal a todos os proxectos, senón promovendo accións específicas da man de socias locais con este mesmo enfoque.
Unha liña de traballo que se vincula con outro dos eixos principais das ONGD galegas nestes últimos tempos: o fortalecemento do goberno e da sociedade civil, especialmente con organizacións de mulleres en países do Sur Global, que supoñen o 23% dos proxectos desenvoltos en 2024.
Isto é unha resposta estratéxica das ONGD galegas a un contexto internacional cada vez máis marcado polo aumento dos réximes autoritarios e o peche de espazos cívicos. Unha situación que tamén afecta, e de maneira preocupante, aos países socios da cooperación galega.
Este fenómeno tradúcese, entre outras cousas, na persecución e acoso a activistas e movementos sociais, especialmente daqueles que loitan pola defensa dos seus territorios e polos dereitos das mulleres a través dos movementos feministas.
A cooperación galega en datos
O informe impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD ofrece datos da acción e impacto da cooperación galega no Sur Global.
- No 2024, as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de más de 400.000 persoas en 23 países, con especial presenza en Centroamérica.
- No eido da cooperación internacional ao desenvolvemento e a acción humanitaria impulsáronse 120 proxectos, cun orzamento global de 22,4 millons de euros.
- Estes proxectos centráronse principalmente en mellorar o acceso a servizos esencias como a educación (27% dos proxectos) e o abastecemeto de auga e saneamanto (23%), o fortalecemento do goberno e da sociedade civil (23%), así como a intervencións para o impulso do sector agrícola (21%) e a saúde (21%) mentres que un 20% dos proxectos orientáronse á protección dos dereitos humanos.
- Os feminismos son un eixo principal do traballo das ONGD galegas. Case a metade dos proxectow executados (56 de 120) están especificamente orientados ao traballo con mulleres, cun enfoque centrado no seu fortalecemento e que aborda tanto a súa participación organizativa e política como a garantía dos seus dereitos e prevencións das violencias.
- As mulleres, igual que no informe anterior, seguen a ser o motor da cooperación en Galicia: son o 61% das persoas socias das organizacións, o 70% do voluntariado e o 66% do persoal contratado. Elas ocupan tamén o 62% das presidencias das entidades.
- Tamén son as protagonistas de boa parte dos procesos nos que participa a cooperación galega: elas supoñen o 51,3% das comunidades que se fortalecen no Sur Global da man da cooperación ao desenvolvemento, en liña que que xa ocorría en informes anteriores.
Do individual ao colectivo
Pero, máis alá dos datos, o valor da cooperación mídese no impacto que ten na vida das persoas. E ese impacto, que se traballa no colectivo, constrúese tamén dende o individual. Porque, cada persoa que se fortalece, fortalece á súa comunidade impulsando dende dentro o seu desenvolvemento e, finalmente, a súa autonomía
O traballo das ONGD galegas no mundo ofrece na súa terceira edición unha pequena recompilación de historias reais, con nomes propios, de persoas que conseguiron acadar un obxectivo importante -educación inclusiva, igualdade, territorio, capacitación profesional, liderado, autonomía- da man da cooperación e que evidencian como ese proceso persoal revertiu en toda a súa comunidade.