Día Mundial do Comercio Xusto

Para saír da crise global provocada pola COVID-19 as Organizacións de comercio xusto reivindican un modelo económico que poña a vida no centro

No Día Mundial do Comercio Xusto as organizacións vinculadas a este movemento reivindicamos que para saír da crise global provocada pola COVID-19 é necesario desenvolver outro modelo económico que poña no centro os dereitos das persoas e o coidado do medio ambiente fronte á acumulación de beneficios.

O Comercio Xusto é unha ferramenta valiosa na loita contra a pobreza, con capacidade para promover condicións para un desenvolvemento persoal, social e económico sostible. A súa importancia radica en ser un movemento social a nivel planetario que reivindica unhas relacións comerciais xustas e un cambio no noso modelo de consumo cara á economía social e solidaria, alentando a reflexión sobre as prácticas e consecuencias do actual modelos de produción, comercialización e consumo.

A actual crise sanitaria pon de manifesto unha vez máis que este sistema deixa demasiadas persoas atrás, en condicións indignas, sen que os seus dereitos fundamentais estean garantidos. E de novo, dende o Comercio Xusto, deféndese unha alternativa global e colectiva para un mudar o sistema económico e priorizar a dignidade humana e a protección do planeta.

A situación das organizacións produtoras de Comercio Xusto ante o coronavirus

A pandemia provocada polo coronavirus está afectando a todo o planeta. A súas consecuencias sanitarias, sociais e económicas estanse notando en todos os sectores e en todos as países. Aínda así, a poboación máis vulnerable é a que está sofrendo en maior medida os impactos desta crise mundial.

A situación das inicitaivas rurais e urbanas son moi diversas. Segundo datos de Oxfam Intermon, e después de case un mes de seguimento dos principais 20 grupos produtores que concentran o 83% das compras de comercio xusto, entre as cooperativas agrarias produtoras de alimentación, a maioría en zonas rurais e illadas de América latina e África, están traballando dentro de certa normalidade, aínda que con precaución, xa que a evolución do coronavirus está bastante controlada. En cambio, a maioría de cooperativas e empresas de comercio xusto que traballan no ámbito urbano, que son maioritariamente obradoiros de artesanía ou de confección en países asiáticos como India ou Bangladesh, están pechadas. A situación é realmente difícil e moitas produtoras están pasando moitas dificultades (máis info>>).

As tendas de comercio xusto en Galicia

En Galicia, as tendas de comercio xusto optaron por diferentes opcións dende a declaración do Estado de alarma o 15 de marzo. A cooperativa Panxea, con 25 anos de historia, permanece aberta. Oxfam Intermon, con tendas na Coruña e Vigo, abre baixo demanda; e Solidariedade Internacional Galicia, con tendas na Coruña, Pontevedra e Ourense, abren de novo as súas portas a partir do luns, 11 de maio. A tenda de Taller de Solidaridad en Lugo tamén permanece pechada actualmente.