Por primeira vez en cinco anos, os fondos da UE destinados a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) descenden. Co ritmo actual de “crecemento”, a UE necesitaría outros 40 anos para cumprir co obxectivo de destinar o 0,7% da Renda Nacional Bruta para AOD. As caídas máis drásticas rexístranse no Estado español (45%), as institucións europeas (32%), Austria e Hungría (en torno ao 30%), segundo o informe anual sobre a evolución da Axuda Oficial para o Desenvolvemento na UE e os seus Estados membros, da Confederación Europea de ONG para o desenvolvemento (CONCORD).
O ano pasado, só catro dos Estados membros da UE superaron o compromiso do 0,7%: Dinamarca, Luxemburgo, Suecia e Reino Unido. En canto ao descenso da axuda, o caso español é paradigmático porque pasou dunha aparente subida en 2016, coa operación de condonación de débeda cubana, a novamente situarse por baixo do 0,2%.
A pesar de que a UE continúa sendo o maior doante a nivel mundial, a súa axuda diminuíu nun 4% con respecto a 2016. Este descenso está altamente vinculado á diminución dos montos destinados a persoas refuxiadas dentro da UE (un 10% menos) e a cancelación de débeda (un 82% menos).
A axuda inflada aínda representa o 19% do total do orzamento de cooperación da UE en 2017. É preocupante esta tendencia para camuflar outros conceptos dentro da cooperación ao desenvolvemento, por exemplo os programas para persoas refuxiadas en territorio comunitario ou a externalización de fronteiras. Isto significa, en realidade, que a axuda se está desviando dos seus obxectivos e que cada vez son menores os recursos que se destinan á loita contra a pobreza ou ao desenvolvemento sustentable.
O nivel de axuda global para os países menos desenvoltos ( PMA) aumentou un 4% en comparación co ano pasado. Non se elevaba desde 2013. A pesar disto, aínda estamos lonxe do compromiso de alcanzar o 0,15% en 2020 para PMA.
A partir destes datos e cara ás negociacións do futuro orzamento da UE (MFF, polas súas siglas en inglés), que probablemente reformará todo o panorama financeiro da cooperación da UE, CONCORD fai un chamamento ás institucións comunitarias e aos Estados membros para que aseguren que os dereitos e as prioridades das persoas que viven na pobreza, a calidade da axuda e os principios efectivos da cooperación para o desenvolvemento se sitúen no centro da programación e a elaboración de orzamentos da UE.