Aprobado o Plan Anual 2022 da Cooperación Galega

As 5 persoas representantes das ONGD abstivéronse na votación por considerar que a subida orzamentaria do 5,2% non se corresponde co compromiso que o goberno adquiriu no Plan Director de Cooperación Galega en vixencia.

Fonte: IPPDH

O Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE) aprobou onte o Plan anual 2022 da Cooperación Galega coa abstención das ONGD galegas. O CONGACODE, o órgano asesor e de coordinación da Cooperación Galega no que están representadas as administración autonómica, as ONGD e o resto dos axentes galegos de cooperación, celebrouse de xeito online.

Nel, as 5 persoas representantes das ONGD abstivéronse na votación por considerar que a subida orzamentaria do 5,3% prevista para este ano non se corresponde co compromiso adquirido no Plan Director de Cooperación Galega aínda en vixencia.

O documento que guía a política pública de cooperación, e que foi prorrogado ata finais de 2022, establece que se garantirá “un crecemento anual do Programa 331A de cooperación exterior ao desenvolvemento igual ou superior ao 11,4%”, unha porcentaxe lonxe do 5,3% aprobado finalmente.

O orzamento da Cooperación Galega en 2022 é de 7,8 millóns de euros: o 0,06% dos orzamentos da Xunta, unha porcentaxe por debaixo da media autonómica situada no 0,12% segundo o Informe AOD autonómica 2021. Análisis de los presupuestos autonómicos da Coordinadora de ONGD – España.

Subida orzamentaria en dúas das tres convocatorias dirixidas a ONGD

O Plan Anual 2022 establece que dúas das tres convocatorias de proxectos dirixidas a ONGD contarán cun orzamento maior que en 2021. A convocatoria de proxectos de cooperación no exterior será de 4,7 millóns de euros (400.000 euros máis) e a de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, de 600.000 euros (100.000 euros máis).

Por outra banda, a convocatoria de acción humanitaria manterase en 400.000 euros anuais. E a convocatoria de proxectos no exterior dirixida a outros axentes de cooperación manterase tamén en 700.000 euros.

En 2022 volveranse a convocar as 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Convenios

Este ano asinaranse convenios de axuda humanitaria e de emerxencia coas ONGD Farmamundi e Asociación Solidariedade Galega con Pobo Saharauí (SOGAPS), así como cos Comités españois das Axencias das Nacións Unidas, ACNUR, UNRWA e UNICEF.

En canto aos convenios, manterase a liña de fortalecemento coa Coordinadora Galega de ONGD; o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; as tres universidades galegas; e as ONGD Solidariedade Internacional de Galicia, AGARESO e Asemblea de Cooperación pola Paz, para dar continuidade ao programa ‘O mundo que queremos’.

Participación de representantes de organizacións do Sur

A petición da Coordinadora, no CONGACODE participaron tamén dúas persoas representantes de organizacións da sociedade civil de Nicaragua e Bolivia coas que traballamos man a man as ONGD galegas. Unhas intervencións que lles permitiron contar de primeira man ás persoas responsables da Cooperación Galega e ao resto de persoas membros do CONGACODE as principais problemáticas coas que traballan nos seus países.

Por outra banda, O Consello tamén aprobou por unanimidade o Informe de Execución do Plan Anual 2021 así como a prórroga do IV Plan Director de Cooperación Galega 2018 – 2021. Ademais, informou que este ano se elaborará o novo Plan Director coa participación de todos os actores da cooperación galega.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: