Aumenta por terceiro ano consecutivo o número de persoas que pasan fame no mundo

O informe O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo 2018 confirma que o número de persoas que pasan fame creceu por terceiro ano consecutivo e se sitúa en niveis de hai case unha década: 821 millóns de persoas ou, o que é o mesmo, unha de cada nove.

O informe foi presentado o 11 de setembro e elaborado conxuntamente por varios organismos das Nacións Unidas: a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), o Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola (FIDA), o Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), o Programa Mundial de Alimentos (PMA) e a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Segundo o documento, as múltiples formas de malnutrición son evidentes en moitos países: a obesidade nos adultos está a crecer mesmo a pesar de que persisten formas de desnutrición. Os datos mostran que a variabilidade e os extremos climáticos atópanse entre os factores clave deste incremento xunto cos conflitos e as crises económicas, e ameazan con erosionar e reverter os avances logrados na erradicación da fame e a malnutrición no mundo dos últimos anos. O efecto acumulativo dos cambios no clima está a minar todas as dimensións da seguridade alimentaria, isto é, a dispoñibilidade de alimentos, o acceso, a utilización e a estabilidade.

Fotos de Oxfam Intermon. Nicaragua

África volve ser o continente coa maior porcentaxe de poboación subalimentada. A fame afecta máis de 256 millóns de persoas, un 20% da súa poboación, polo “impacto de fenómenos meteorolóxicos extremos e conflitos en diversas rexións”. Eses factores tamén explican parte da tendencia á baixa da fame en Asia que, aínda así, segue albergando o número máis alto de persoas que sofren fame: 515 millóns de persoas, un 11,4 % da súa poboación. Por outra banda, en América Latina e o Caribe a fame creceu lixeiramente ata os 39 millóns de persoas en 2017, o 6,1 % da súa poboación, segundo as estimacións.

Segundo o documento, avanzouse pouco na redución do atraso do crecemento infantil e os datos seguen sendo inaceptables: case 151 millóns de nenos e nenas menores de cinco anos (22%) están por debaixo dos estándares para a súa idade.

O documento asegura que as solucións pasan por establecer asociacións máis estreitas e financiamento plurianual a gran escala para programas integrados de redución e xestión de riscos de catástrofes e adaptación ao cambio climático con perspectivas a curto, a medio e a longo prazo. Tamén, que os indicios dunha crecente inseguridade alimentaria e os altos niveis das diferentes formas de malnutrición son unha clara advertencia de que é unha necesidade urxente mudar esta tendencia cara á consecución das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible sobre seguridade alimentaria e nutrición.