As Coordinadoras de ONGD reclaman transparencia ás administracións na xestión dos fondos de cooperación

A noticia dunha investigación policial por un presunto desvío de fondos de Cooperación Internacional a outros fins acendeu a luz de alarma no sector. Ante isto, a Rede de Coordinadoras Autonómicas e a Coordinadora estatal:

1) Manifestamos a nosa total repulsa se finalmente a Xustiza demostra que se produciron delitos como a malversación de caudais públicos e fraude de subvencións por parte das administracións públicas ou de terceiras persoas. Como noutras ocasións -caso Blasco na Comunidade Valenciana, desvío de fondos destinado a Haití por parte da Fundación da Federación Española de Fútbol, etc.- as ONGD consideramos inaceptables que algúns recursos que deben servir para combater as desigualdades, a pobreza e as vulneracións de dereitos humanos poidan ser utilizados de forma irregular ou fraudulenta.

2) Reiteramos o noso absoluto compromiso coa transparencia no uso dos fondos para Cooperación Internacional e esiximos ás administracións públicas absoluta transparencia e rendición de contas á cidadanía sobre a xestión de fondos para a Cooperación, provenientes dos seus impostos. As ONGD somos as primeiras interesadas en que exista un rendemento exhaustivo de contas á sociedade tanto a nivel financeiro como do impacto e logros da Cooperación Internacional. Como fixemos ata agora, se detectamos sospeitas ou indicio de fraude en calquera actor involucrado na Cooperación para o Desenvolvemento as ONGD poñerémolos en mans da Xustiza.

3) Agradecemos aos medios de comunicación a súa colaboración -tamén como actores da Cooperación Internacional- e subliñamos a importancia de que ofrezan unha información rigorosa en algo tan esencial como a loita contra a pobreza e a desigualdade. Detrás da operación policial de onte hai unha denuncia por irregularidades nas subvencións de Cooperación Internacional da Diputació de Barcelona interposta en 2015 e que está a ser instruída no correspondente xulgado. Naquel momento Lafede. cat (Coordinadora de ONGD catalá) fixo pública a súa preocupación e demandou a investigación e esclarecemento dos feitos ante as noticias aparecidas sobre unha suposta xestión irregular de fondos nesta administración que apuntaban a un desvío cara a empresas. Ademais, considerou particularmente grave o informe da Axencia de Saúde Pública de Barcelona que sinalaba prácticas de acoso laboral a traballadores críticas con algunhas prácticas da Oficina de cooperación desta entidade. Queremos que a axuda internacional ao Desenvolvemento e a Cooperación Internacional estean sempre na axenda política e económica dos medios, entre outras cousas, porque a súa vixilancia axudaranos a evitar prácticas irregulares e, sobre todo, que estas poidan quedar impunes.

4) Esiximos que a xestión pública dos fondos de Cooperación -que han de aumentar ata alcanzar como mínimo o 0,7% da Renda Nacional Bruta- responda sempre a valores de xustiza e loita contra as desigualdades e non se desvirtúen apoiando a externalización ou lucro de empresas privadas ou persoas. A Cooperación é unha ferramenta de xustiza global e redistribución. Á espera do que aclaren as investigacións en curso, imos seguir atentamente o progreso das informacións para seguir defendendo a Cooperación Internacional e os seus valores ante calquera intento de fraude, desvío dos obxectivos ou instrumentalización da Cooperación Internacional.