XVII Encontro da Rede de Coordinadoras de ONGD

Cantabria acolleu o XVII Encontro de Coordinadoras Autonómicas de ONG ao Desenvolvemento, do 27 ao 29 de outubro.

Responsables parlamentarios, da Xunta e ONGD galegas participan na exposición fotográfica “De oficio, defensoras” | Pepe Ferrín

02 Novembro 2022 |

Reunida en Santander, durante os días 28 e 29 de outubro de 2022, a Rede de Coordinadoras Autonómicas de ONG ao Desenvolvemento e con presenza de organizacións de todos os territorios, declaramos:

Reafirmamos o noso compromiso por seguir traballando en rede en aras da solidariedade internacional, o apoio mutuo e a cooperación.

Valoramos positivamente a realización do primeiro encontro conxunto mantido coas distintas Direccións Xerais de Cooperación Internacional e axencias autonómicas dos distintos gobernos autonómicos e celebramos a declaración conxunta alcanzada.

Reclamamos, unha vez máis, que a política de cooperación ao desenvolvemento sexa asumida como unha política pública estable dotada de recursos técnicos e económicos suficientes, nos diferentes niveis do Estado, desde o goberno central ata o máis pequeno concello, garantindo así unha acción solidaria transformadora a medio e longo prazo, á marxe de cambios electorais.

Instamos o Goberno de España, no marco final do proceso de tramitación da nova lei, ao recoñecemento do valor específico que achega a cooperación descentralizada (proximidade á poboación, bagaxe internacional e experiencia acumulada…) e a mellorar a participación activa dos diversos actores da cooperación descentralizada na planificación da política de cooperación estatal e potenciar a Comisión Interterritorial como órgano de coordinación política.

Subliñamos o potencial da cooperación descentralizada á hora de facer fronte aos crecentes e perigosos discursos de odio, sobre todo, a través da promoción da Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EpDCG), contribuíndo así á construción dunha cidadanía global crítica e activa que actúe a favor da xustiza social e a equidade no mundo. Instamos ás administracións a reforzar os instrumentos financeiros necesarios para desenvolver de maneira eficiente esta ferramenta.

Consideramos necesario impulsar e defender a cooperación internacional desde os municipios, deputacións, cabildos así como as súas ferramentas e programas específicos. Por iso, seguiremos traballando en rede para incidir no deseño das políticas públicas das próximas lexislaturas.

Insistimos, neste contexto de guerra en Ucraína e de múltiples conflitos esquecidos, na defensa dunha política de emerxencia, humanitaria, de refuxio e protección internacional que non xere diferenzas pola procedencia das persoas. Así como na necesidade de potenciar a Educación e a Cultura de Paz.

Expresamos o noso apoio e solidariedade ás coordinadoras autonómicas que están a padecer a tensión institucional e os recortes derivados do desmantelamento das políticas sociais. Desde a Rede imos establecer os mecanismos de colaboración e de apoio á Coordinadora Andaluza de ONGD para manter a súa defensa da cooperación e da participación cidadá organizada.

Insistimos na necesidade dun incremento gradual, pero urxente, do orzamento dos gobernos municipais e autonómicos destinado ás políticas de cooperación, marcando como obxectivo alcanzar o 0,7% do orzamento antes de 2030, en coherencia cos acordos internacionais. Só con recursos adecuados en cantidade e con calidade é posible poñer en práctica o compromiso e a solidariedade para loitar contra as desigualdades e facer fronte á emerxencia climática no planeta.

Fonte: Coordinadora ONGD España

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: