As comunidades autónomas, lonxe do compromiso do 0,7%

O informe sobre a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) autonómica amosa que, a pesar de haber unha gran disparidade entre autonomías, ningunha se achega ao compromiso 0,7%

Fonte: IPPDH

14 Outubro 2022 |

A fotografía é nítida: ningunha das comunidades autónomas acada o compromiso de destinar o 0,7% á política pública de cooperación. E non o conseguen nun contexto mundial no que múltiples e complexas crises están golpeando a millóns de persoas que xa vivían situacións extremas e no que, por tanto, a cooperación é esencial.

Se analizamos os datos a nivel estatal con respecto ao ano pasado, hai dúas comunidades que destacan: a Comunitat Valenciana, que aumenta un 90% o seu presuposto; e Canarias, que sube os fondos un 115% (cabe destacar que, neste caso, o punto de partida era extremadamente reducido: un 0,02%). Entre os descensos máis significativos atópanse Andalucía e Castela e León, con baixadas de máis dun 30 e 40% respectivamente.

Unha realidade que comparten tódalas comunidades é a considerable distancia que aínda separa o seu esforzo en materia de AOD do compromiso 0,7%. Euskadi e Navarra son as únicas CCAA que destinan máis do 0,3% do orzamento á cooperación, seguidos da Rioxa e a Comunitat Valenciana, con porcentaxes que oscilan entre o 0,2% e 0,3%. Extremadura, Catalunya, Illes Balears, Asturias e Cantabria ocupan os postos medios do ránking, aportando entre  0,10% e 0,19%. Por debaixo do 0,09% atopamos Aragón, Galicia, Andalucía, Canarias, Castela-A Mancha, Castela e León, Comunidade de Madrid e, por último, a Rexión de Murcia, co 0,04%.

No caso galego, as cifras veñen marcadas polo IV Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021,  prorrogado un ano, porque comprometeu un crecemento anual igual ou superior ao 11,4%. Un compromiso que se fixo efectivo durante a vixencia do plan, pero que non tivo continuidade no 2022, ano no o crecemento foi menor (5,1%). A taxa de variación interanual da AOD en termos absolutos segue unha tendencia crecente, pero en termos porcentuais ocupamos o undécimo posto no ránking de esforzo orzamentario, dedicando aínda o 0,06%  do noso presuposto consolidado á Axuda Oficial ao Desenvolvemento. É dicir, mantémonos lonxe da media das CCAA, que se sitúa en 2022 no 0,12%.

O informe ofrece información detallada por cada unha das comunidades autónomas e recorda a relevancia da cooperación descentralizada: unha sinal de identidade do noso país, reflexo do compromiso cidadá coa solidariedade.

Que é a cooperación descentralizada?

Aquela que realizan os gobernos autonómicos e entes locais como deputacións, concellos e mancomunidades. Este informe só analiza os datos relativos ás comunidades autónomas.

Recomendacións

A política de cooperación internacional é imprescindible neste momento. A situación amosou que os sistemas de protección e os mecanismos de resiliencia son fundamentais para superar as múltiples crises globais que sufrimos. É urxente apostar pola coherencia de políticas para o desenvolvemento sostible, e por un enfoque ecoloxista e feminista que dean resposta aos complexos retos que afrontamos.

O informe apunta recomendacións para fortalecer a cooperación dende as autonomías:

 

1. Fortalecer o compromiso de AOD:

  • Aumentando de forma gradual os fondos, establecendo un calendario crible para cumprir o 0,7% antes de 2030. Establecer un mínimo do que non se reduza a cantidade de recursos que se destinan a cooperación.
  • Cumprindo os pactos pola cooperación alá onde se subscribiron con forzas políticas.

2. Impulsar o aliñamento da AOD descentralizada cos principios internacionais de eficacia. Debe fortalecerse a coordinación e a complementariedade entre os distintos niveis da administración autonómica.

3. Reforzar o diálogo coas organizacións da sociedade civil, actores clave para dar respostas máis axeitadas ás necesidades.

  • Garantindo espazos de participación e consulta.
  • Priorizando xunto a elas liñas de actuación que respondan ás necesidades e demandas das poboacións con quen traballamos.
  • Favorecendo a existencia dunha sociedade civil organizada, participativa e crítica como mostra da calidade democrática.

4. Dotar á política de cooperación descentralizada de instrumentos de planificación adecuados que melloren a eficacia e eficiencia dos recursos. Acordar eses instrumentos cos actores implicados.

5. Garantir capacidades adecuadas e persoal suficiente, formado e estable.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: