A cuarta edición do Premio Galego de Educación para Desenvolvemento e Cidadanía Global xa esté en marcha, coa publicación este 9 de febreiro das bases desta nova convocatoria.
Quen pode presentarse ao Premio Galego de Educación?
Poden presentarse ao Premio docentes ou equipos de docentes de centros de ensino e universidades galegas de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación.
O requisito fundamental é ter desenvolvido durante o curso 2024-25 e/ou 2025-26 experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo máis xusto.
As bases inclúen información detallada, como lugar e prazo de presentación de candidaturas, documentación requerida e criterios de valoración das propostas. Así como a composición do xurado, os prazos de resolución e datas orientativas de actos e viaxes.
Hai tres categorías de participación:
- Categoría A: educación Infantil e Primaria
- Categoría B: ESO, Bacharelato, Formación Profesional e centros de encino de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas
- Categoría C: Ensino universitario
Conexión con Guatemala a través da educación transformadora
As experiencias premiadas no certame recibirán un elemento distintivo para o centro, así como diplomas para o alumnado e certificados para o equipo docente. Ademais da publicación das iniciativas e da asistencia e participación protagonista na gala de entrega de premios.
Pero ademais o Premio ofrece por segundo ano unha viaxe a un proxecto de cooperación internacional en Guatemala -cos gastos da viaxe pagados- para un máximo de dous docentes por cada proxecto gañador.
Dende a Coordinadora Galega de ONGD animamos a todos os docentes e centros galegos que desenvolven experiencias educativas nesta liña a participar nesta nova convocatoria!

