Deputadas e deputados de diferentes grupos políticos portaban esta mañá durante o Pleno do Parlamento Galego insignias coa imaxe dunha sandía como símbolo de solidariedade co pobo palestino. Esta iniciativa forma parte da campaña #SandíasPolaPaz, impulsada pola Coordinadora Galega de ONG o Desenvolvemento, que busca manter o foco na crítica situación que vive a rexión e exhortar á comunidade internacional a esixir o cesamento inmediato da ofensiva israelí en Gaza e Cisxordania.
A elección deste símbolo non é casual. O uso da sandía, que comparte as cores da bandeira palestina (vermello, negro, branco e verde) popularizouse tras a Guerra dos Seis Días de 1967, cando Israel fixou como delito a exhibición pública da bandeira palestina en Gaza e Cisxordania, territorios que ocupou naquel momento. Na actualidade a sandía representa a solidariedade con Palestina en todo o mundo.
A tregua anunciada por Hamás e Israel esta mañá é unha noticia positiva pero tan só unha tirita entre tanto horror. Israel debe pór fin a esta situación sen precedentes, cesando o bombardeo de hospitais e da poboación civil e permitindo a entrada de toda a axuda humanitaria, alimentos e o subministración de enerxía e combustible na Franxa de Gaza de xeito permanente.
As insignias foron entregadas xunto cunha carta asinada por 650 organizacións na que se insta a todas as forzas políticas a comprometerse co dereito internacional e humanitario. Valoramos positivamente a viaxe de mañá xoves do presidente do Goberno de España Pedro Sánchez a Israel e Palestina e pedimos o compromiso de todas as forzas políticas ante unha crise humanitaria destas dimensións.
Catro organizacións da Coordinadora Galega de ONGD traballan dende hai máis de dúas décadas en territorio palestino ofrecendo axuda humanitaria e desenvolvendo proxectos de cooperación con entidades locais: Médicos do Mundo, Movemento pola Paz, Asemblea de Cooperación pola Paz e Farmamundi.