A Coordinadora Galega de ONGD insta ao BNG a seguir mantendo o seu compromiso coa Cooperación ao Desenvolvemento como ferramenta chave na defensa dos dereitos humanos e a loita medioambiental

Fonte: IPPDH

30 Xuño 2023 |

No marco dunha serie de encontros cos principais líderes políticos, a presidenta da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, María Paz Gutiérrez, reuniuse onte en Compostela coa portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, para falar sobre a nova planificación estratéxica da Coordinadora de cara aos próximos anos e instar ao partido nacionalista a manter o seu compromiso coa Cooperación ao Desenvolvemento. Na reunión participaron ademais a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil e o parlamentario nacionalista Luís Bará, así como o anterior presidente da Coordinadora, Alejandro Quiñoá.

María Paz Gutiérrez trasladoulle á portavoz nacional do BNG o traballo que dende a plataforma se está a realizar nesta nova etapa na que “queremos apostar por unha cooperación de vangarda, que fuxa de lóxicas xa superadas baseadas en relacións verticais onde o Norte impón cunha visión eurocéntrica os seus métodos de desenvolvemento”, explicou Gutiérrez. “O labor da nova cooperación é o de recoñecer outras realidades, outras identidades, é dende aí dende onde queremos operar, dende o acompañamento de esas doutras maneiras de comprender a abordar a realidade”, afondou.

Enfrontamos amezas que son globais e que se manifestan en todos os territorios, tamén aquí en Galicia”, por iso un dos principais eixos de actuación da Coordinadora vai ser o de “traballar coas organizacións e movementos sociais cos que compartimos loitas para buscar alianzas e ser máis fortes como son os feminismos, a defensa medio ambiental ou a loita polos dereitos humanos”.

As consecuencias do modelo extractivista son un exemplo das problemáticas comúns globais ás que nos enfrontamos. O extractivismo está enfocado na explotación indiscriminada de recursos naturais para a súa explotación e exportación, como son a minería, a eólica, a pesca ou os monocultivos. “Debemos frear a impunidade coa que operan multinacionais a nivel mundial que sabemos que do mesmo xeito que o fan en Guatemala fano tamén aquí en Galicia”, engadiu María Paz Gutiérrez.

“O labor da nova cooperación é o de recoñecer outras realidades, outras identidades, é dende aí dende onde queremos operar, dende o acompañamento de esas doutras maneiras de comprender a abordar a realidade”

María Paz, presidenta da CGONGD

Compromiso coa política social de Cooperación ao Desenvolvemento

A Cooperación ao Desenvolvemento é unha ferramenta imprescindible a través da cal podemos mellorar as condicións de vida e os dereitos de millóns de persoas no mundo”, apuntou a presidenta da plataforma de ONGDs. Por iso, no contexto de gran incertidume política e gran polarización no que nos atopamos, Gutiérrez instou ao BNG a manter o seu compromiso con esta política social que ademais “é un instrumento chave para a denuncia e sensibilización social ante os grandes desafíos que vivimos a nivel global e que afectan en maior medida ás persoas máis vulnerables”.

Neste senso, a presidenta da Coordinadora lembrou que a Cooperación para o Desenvolvemento é unha das políticas públicas que goza de maior consenso tanto entre a cidadanía como entre os diferentes partidos políticos.

Gutiérrez lembrou que as ONGD galegas conseguiron co seu traballo mellorar a vida de 376.365 persoas en 22 países de América Latina, África e Asia. Porén, este apoio cidadán precisa dun reforzo público por parte das administracións para que poidamos estar tamén onde non están o focos mediáticos.

Cómpre apoiar tamén as máis de 339 millóns de persoas que, segundo as últimas cifras de Nacións Unidas, precisarán de axuda urxente ademais noutros países como Afganistán, Siria, Iemen, Etiopía, República Democrática do Congo, Sáhara ou Somalia. Tamén para estar onde non hai emerxencias humanitarias pero os problemas estruturais persisten: a emerxencia climática, que afecta e afectará de novo as persoas máis vulnerables; os desprazamentos forzados (superáronse xa os 100 millóns de persoas desprazadas, migrantes e refuxiadas a cifra máis elevada dende a Segunda Guerra Mundial); ou mesmo o insoportable incremento da fame e a malnutrición (que creceu por cuarto ano consecutivo e afecta xa a 1 de cada 9 persoas no mundo).

Próximas reunións

Dentro da xira de encontros coas principais forzas políticas galegas están solicitadas reunións co líder do PSdG-PSOE, Valentín González Formoso e Antón Leis, Director da AECID que terá lugar o vindeiro 6 de xullo. Tamén co vicepresidente primero e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo, responsable das políticas de cooperación do goberno galego.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: