O director da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, Antón Leis, e 29 representantes das organizacións socias da Coordinadora Galega de ONGD celebraron esta tarde un encontro co obxectivo de poñer en común visións e sensibilidades arredor da política de cooperación ao desenvolvemento.
A xuntanza, convocada como un espazo de diálogo, serviu para que a AECID dera a coñecer de primeira man ao sector o traballo realizado arredor do novo marco normativo: a Ley de Cooperación para el Desarrollo Sostenible y la Solidaridad Global, recén aprobada no Congreso case por unanimidade e que, segundo Leis, pretende articular un sistema “máis plural e diverso”. O gran aporte desta lei é o rango legal que dá ao compromiso adquirido por España de destinar o 0,7% da Renta Nacional Bruta á Axuda Oficial ao Desenvolvemento en 2030, unha reivindicación histórica da nosa sociedade.
Esta novidade chega nun contexto que para Antón Leis, “temos que aproveitar para explicarlle á xente o que facemos, que non somos só as persoas e entidades que estamos aquí, que as partidas que se destinan á cooperación non son gastos, son inversións, e que por iso é preciso mellorar as nosas apostas económicas”.
A nova norma é resultado dun proceso de diagnose, reflexión e acordo entre as administracións e os axentes de cooperación ao desenvolvemento que vén a demostrar que a política de cooperación é unha das que máis consenso suscita, incluso nun momento de máxima polarización política.
Pola súa parte, as ONGD participantes aportaron testemuña directa da situación sobre o terreo en cada un dos 22 países nos que teñen presenza. Dende Mozambique, Guatemala, Bolivia ou Honduras ata Bangladesh e A India, pasando por Senegal, Guinea Bissau ou Palestina, entre outros. Todas elas con preocupacións comúns entre as que destacan as dificultades do traballo das entidades sociais en terreo. A represión, persecución e criminalización que sofren as persoas defensoras de dereitos en numerosos países é cada vez máis alarmante.
Do mesmo xeito, reivindicaron a cooperación descentralizada e demandaron unha aposta decidida por unha política pública que se traduza nun compromiso orzamentario sólido e un enfoque feminista e ecoloxista que defenda os dereitos humanos e a participación da sociedade civil no contexto global. Peticións ás que Antón Leis respondeu aludindo ao novo Marco de Relación firmado por Goberno e ONGD que procura aumentar a participación da sociedade civil nas decisións tomadas e fuxir da ríxida relación “financiador-financiado”.