En pleno debate previo á tramitación parlamentaria dos Orzamentos Xerais do Estado, a Coordinadora de Organizacións de Cooperación para Desenvolvemento, da cal a Coordinadora Galega de ONGD é socia, esixe a Pedro Sánchez que pase das palabras aos feitos e cumpra o seu compromiso de recuperar a política de cooperación española. O pasado mes de xullo, no pleno do Congreso, o presidente do goberno español sinalou que un dos retos do seu gabinete sería “fortalecer e recuperar a política de cooperación ao desenvolvemento como elemento definitorio da política exterior de España”.
A Coordinadora reclama tamén a todos os partidos políticos que asuman a responsabilidade que lles corresponde nun contexto político como o actual no que o papel das forzas parlamentarias é crucial para a construción de políticas públicas. Lémbralles tamén fai menos dun ano aprobaron por consenso unha Proposición non de Lei (161/002620) pola que se comprometían a chegar ao 0,4% da Renda Nacional Bruta ao final da lexislatura. É sorprendente que o acordo sobre os Orzamentos Xerais do Estado para 2019 subscrito entre PSOE e Unidos Podemos non recolla nin unha soa liña sobre Cooperación para o Desenvolvemento.
Se non é agora, cando?
Tras case unha década de caída en picado, a política de cooperación española atópase en mínimos e está á cola de Europa (na UE 15, o Estado español ocupa o penúltimo posto en esforzo de axuda, só por diante de Grecia). A situación da política de cooperación non pode ser peor. Os recortes na política de cooperación chegaron a alcanzar un 70%, unha porcentaxe que aumenta ata case 90% no caso da axuda humanitaria.
En 2017, o Estado español destinou tan só un 0,19% a cooperación, segundo datos dos OCDE. Esta diminución de recursos supuxo importantes consecuencias para a vida dos 35 millóns persoas vulnerables con quen traballa as ONGD en 105 países.
Esta situación contrasta co compromiso cidadá. Nos anos de crises, a sociedade aumentou as súas achegas ás ONG un 45%. Non se trata soamente dunha demanda ética como Estado democrático, senón tamén dunha esixencia social que demanda a cidadanía, se se ten en conta que a do Estado español é a segunda sociedade, tras a sueca, que máis valora a necesidade dunha política pública de cooperación.
Unha política estratéxica para afrontar os enormes retos internacionais
Urxe subliñar a importancia estratéxica da política de cooperación ao desenvolvemento nuns momentos nos que, como Pedro Sánchez reivindicou nas Nacións Unidas en setembro pasado, é necesario “construír liderados cooperativos para facer fronte aos desafíos globais como o cambio climático, a crise de persoas refuxiadas e o reto migratorio”.
Os niveis de desigualdade que a escala planetaria son escandalosos: as 62 persoas máis ricas do mundo posúen os mesmos recursos que a metade da poboación máis pobre. Asistimos á peor cifra de persoas desprazadas da historia recente: case 70 millóns víronse obrigadas a abandonar os seus fogares debido a conflitos armados e violacións de dereitos humanos. Outros 244 millóns de persoas tamén se viron forzadas a desprazarse como consecuencia da pobreza ou ao cambio climático. Os conflitos se enquistan, as violencias fanse máis complexas e os espazos democráticos redúcense.
Responder á complexidade deste contexto global esixe políticas adecuadas que garantan os dereitos humanos e afronten de maneira integral os retos actuais. É unha responsabilidade política internacional da cal o Estado español non pode ser allea e na que a cooperación para o desenvolvemento ten moito que achegar.