Que está a pasar na República Democrática do Congo?

Compartimos o testemuño das organizacións locais que desenvolven proxectos no país en cooperación con tres organizacións socias da Coordinadora.

Fonte: IPPDH

10 Febreiro 2025 |

O 2024 pechouse como un ano inestable no contexto internacional, marcado pola situación agónica de Gaza e, xa na recta final do ano, a caída en Siria do rexime de Al-Asad. Un panorama que deixaba entrever un 2025 na mesma liña, con arredor de trinta conflitos activos no mundo, aínda que boa parte deles nos resulten, como cidadanía, case descoñecidos.

Tralo alto o fogo e o futuro cheo de incertezas en Palestina, a tensión en Oriente Próximo e o inminente terceiro aniversario da guerra de Ucraína, estes días asistimos ao estourido da revolta na República Democrática do Congo, onde a violencia vai a máis.

A situación en R.D. Congo en primeira persoa

Segundo explica dende Kirumba a Compagnie de Marie Notre-Dame, contraparte da nosa socia FISC (Fundación Compañía de María) no país, para entender o momento actual hai que mirar uns meses atrás. Neste sentido, explican que a finais de maio do ano pasado rexistráronse “violentos combates no territorio de Lubero” entre o M23 e o exército do país para controlar a cidade de Kanya Bayonga, porta de entrada ao norte da provincia de Kivu Norte e principal vía de acceso á capital Goma, situada máis ao sur.

 

En xuño esta cidade foi controlada polo M23 co apoio das Forzas de Defensa Ruandesas e os combates fóronse trasladando a outras localidades. Dende este momento, segundo relatan, “a nosa comunidade de Kasando non ten saída ao mar, non poden ir ao norte (Butembo) nin ao sur (Goma) e non hai nada que mercar”.

 

Como consecuencia desta situación, “malnutrición, fame e traumatismos desenvólvense a grande velocidade debido á imposibilidade de acceder facilmente aos campos tralas bombas colocadas deliberademente. Profesores e médicos teñen medo de desprazarse. Por iso, dende decembro as nosas escolas -di en referencia aos proxectos de cooperación activos na zona- funcionan tímidamente”.

Proxectos temporalmente paralizados

Outra organización socia da Coordinadora, Entreculturas, traballa dende hai dúas décadas coa súa socia local JRS (Jesuit Refugee Service) en proxectos situados en Sud-Kivu (comuna de Goma) e Nord Kivu (territorio de Masisi).

A día de hoxe, son tres os proxectos activos -cunha antigüidade de entre tres e cinco anos- froito desta cooperación, que repercutiron na mellora directa das condicións de vida e nos dereitos de máis de medio millar de nenas e mulleres, impactando positivamente nas súas familias e comunidades.

Dende Masisi (Kivu Norte), onde se desenvolven os proxectos Luz das nenas e Luz das mestras a organización local vén de trasladarlle a Entreculturas que a situación é de “moita confusión, inestabilidade e incertidume” e que as actividades en terreo están paralizadas. Relatan, con data de finais de xaneiro, “intensos enfrontamentos con armas pesadas, incluídos morteiros, no centro da cidade de Goma, concretamente no Barrio dos Volcáns, onde están as sedes das principais organizacións humanitarias internacionais.”

Segundo indican, as persoas permaneceron tres días pechadas nas casas, coincidindo cos combates previos ao 29 de xaneiro, cando o M23 acadou o control da cidade. No momento de trasladar este relato, o 31 de xaneiro, a situación era de saqueos e falta de suministros. Dende electricidade, internet ou cobertura ata escaseza de auga e comida.

Chamamento internacional para protexer á poboación civil

Dende aquela ata o día de hoxe, a violencia exténdese mentres se suceden os chamamentos e as alertas sobre unha crise humanitaria. Unha desas voces é a de InteRed, outra organización socia da Coordinadora cun proxecto de cooperación recente no país orientado á erradicación das formas de violencia contra mulleres vulnerables e víctimas de conflito de todas as idades en Goma.

Segundo a ONGD “a situación humanitaria é moi preocupante, con miles e civís atrapados no medio dun conflito armado que desestabiliza aínda máis a rexión”. Neste sentido, apunta a un “incremento alarmante” de desprazamentos forzoso, violencia e sufrimento humano, ao tempo que fai un chamamento internacional urxente para tomar medidas efectivas na protección da poboación civil.

Unha visión da situación e un chamamento común a todas as organizacións implicadas sobre o terreo, na liña de Nacións Unidas, que vén de alertar da necesidade inmediata de axuda humanitaria, ao tempo que alerta dun contexto de alarmante violencia contra mulleres e infancia.

 

E á que se suman diversas iniciativas, como a impulsada polas compañeiras da Coordinadora de ONGD de les Illes Balears que nós tamén compartimos: a da protección da poboación civil e o respecto polas axencias humanitarias. Podes asinar aquí ao lado!

De onde vén o conflito na R.D do Congo?

N.K. Julienne, membro da comunidade contraparte de FISC no país, explicábanos nunha pormenorizada carta con data do 28 de xaneiro que “dende xullo a cidade de Kirumba, onde se ubica a nosa comunidade e a súa contorna están ocupados polos grupos coñecidos como M23”.

Segundo relata na súa crónica, a historia do M23 remóntase a 2009, en concreto á sinatura do tratado de paz entre o Congreso Nacional para a Defensa do Pobo (CNPD) e o goberno da República Democrática do Congo. O acordo implicaba a liberación dos presos pro-tutsis, a transformación do CNPD en partido político e o regreso das persoas refuxiadas dos países fronteirizos.

Sen embargo, tres anos máis tarde os rebeldes sublevaríanse por considerar que o goberno non respectaba o acordo, adoptando o nome de Movemento 23 de Marzo (M23) en lembranza da sinatura.

Dende aquela, e tal e como explica a N.K. Julienne, varios informes de Nacións Unidas veñen sinalando o apoio da veciña Ruanda ao movemento rebelde, ata o punto de que “en xuño de 2024 o número de soldados ruandeses en chan congoleño estimábase entre 3.000 e 4.000”, na súa meirande parte no Kivu Norte.

Imaxe das protestas en Gome fronte o avance do M23

Dende comezos de ano, o M23 avanza ocupando a metade leste do páis e avanzando cara o sur. Fronte a isto, a irmá N. K. Julienne destaca a marcha pacífica da poboación de Bukavu, exixindo a paz e a retirada do M23 de Goma, que recolle esta imaxe que nos envía.

 

Pero, por que é tan importante Goma? Máis alá da importancia real e simbólica do control da capital do país, ela apunta directamente ao chan. O que, na parte oriental do país, presenta unha “gran riqueza de minerais codiciados” por terceiros países, fóra do contexto africano, que poderían ter acceso a eses recursos se o M23 acada o control desa zona.

Neste sentido, segundo explica, “Goma sempre foi un activo punto de comercio con Ruanda, está preto de importantes cidades mineiras que suministran metais e minerais de gran demanda internacional, como ouro, estaño, cobalto e coltán, e dispón de enlaces estratéxicos por terra e aire”. Coa conquista de Goma, di, “a poboación sofre o mesmo destino que outras cidades do país: quedar illada do resto do mundo”.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: