Sáhara Occidental
Psicóloga e defensora do dereito á saúde

Eva Carballo
En 1975, ao inicio do conflito armado entre o Sáhara Occidental e Marrocos e Mauritania, as mulleres saharauís que fuxiron da guerra foron as primeiras en chegar ao deserto de Alxeria, na provincia de Tindouf. Alá construíron os campamentos co pouco que tiñan e autoorganizáronse en Comités de Saúde, as sementes do actual sistema sanitario.
Desde entón, tres xeracións viven exiliadas na hamada, a zona más árida do deserto do Sáhara, dependendo da axuda internacional para sobrevivir e esperando poder volver á súa terra ocupada parcialmente por Marrocos.
Warda vive nun dos catro campamentos que hai en Tindouf, o de Dajla, onde traballa como psicóloga. Graduouse na cidade alxeriana de Djelfa e desde hai dez anos, ademais de atender na consulta, combate os tabús culturais que carrexa o seu traballo. Participou na campaña Refugiadas en la salud de Médicos do Mundo.
“Enfrontamos moitísimos obstáculos para facer entender ás familias e ás persoas doentes que a atención psicolóxica é beneficiosa”.
As duras condicións de vida nos campamentos, o exilio e as escasas expectativas de futuro da poboación precisan ser abordadas e sostidas, tamén, desde a psicoloxía.
Ademais, afirma Warda “as mulleres saharauís somos o piar da sociedade, as que levamos todo o traballo na casa, e esta sobrecarga pode causarnos desequilibrios emocionais”.
Warda forma parte da Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS) que colabora coa ONGD Médicos do Mundo.
O Sáhara Occiental foi colonia española ata 1975 cando tivo lugar a firma dos Acordos de Madrid polos que España puxo fin á súa presenza na rexión e cedeu a administración do territorio a Marrocos e Mauritania. A República Árabe Saharauí Democrática ( RASD) proclamouse o 27 de febreiro de 1976 en Birlehlu, actuais territorios liberados. Ese mesmo día o último soldado español abandonaba o territorio do Sáhara Occidental, tres meses despois do éxodo masivo coñecido como marcha verde.
O pobo saharauí do entón Sáhara Español foi perseguido, bombardeado e asasinado polo exercito marroquí ata o 5 de agosto de 1979 e polo mauritano ata o 6 de setembro 1991 co fin de quedar coa súa patria. Actualmente, o territorio do Sáhara Occidental está dividido por un muro de más de 2000 quilómetros que o divide de norte a sur.