As experiencias educativas gañadoras do II Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global recibiron hoxe o seu galardón nun evento organizado pola Coordinadora Galega de ONGD. O acto, ao que asistiron 122 persoas entre profesorado e alumnado de centros de tódolos niveis educativos e representantes de diferentes ONGDs e da Xunta de Galicia, foi conducido polo cómico Fran Rei na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta e concluíu cun café e chocolate de comercio xusto para todas as persoas asistentes.
O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global nace no 2020 co propósito de recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto. Ovidio Villar, coordinador da iniciativa premiada do IES Carlos Casares, asegura que xerar este tipo de convocatorias “fomenta espazos para o coñecemento da realidade educativa e contribúe ao enriquecemento dos centros de ensino, facéndonos sentir rede”, ao que Patricia Muñiz, coordinadora da iniciativa premiada presentada pola Facultade de Humanidades e Documentación (UDC), engade que “a Axenda 2030 é unha Axenda que non só involucra aos Estados, senón que nos inclúe a todos e todas. O papel da universidade é fundamental”.
A convocatoria, financiada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia (Cooperación Galega), ten unha triple finalidade. Recoñece o labor e esforzo realizado pola comunidade educativa dos centros de ensino galegos para por en práctica a Educación para a Cidadanía Global (ECG) nas aulas. Promove a integración da ECG na educación regrada galega e xera sinerxías entre o profesorado interesado nos contidos e metodoloxías abordadas. Así o expón Andrés Saavedra, director do CEIP Sada y sus Contornos: “a educación debe saír das catro paredes das nosas escolas para que as actuacións teñan visibilidade e poidan axudar a outros compañeiros e compañeiras no seu labor”.
A organización deste acto de entrega de premios responde tamén ao propósito de tecer redes e poñer en valor o traballo realizado polo profesorado na promoción dos valores da xustiza social e a solidariedade.
“A educación debe saír das catro paredes das nosas escolas para que as actuacións teñan visibilidade e poidan axudar a outros compañeiros e compañeiras no seu labor”
Andrés Saavedra, director do CEIP Sada y sus contornos
As experiencias gañadoras
Nesta segunda edición presentáronse 15 candidaturas, divididas entre as tres categorías propostas: Educación Infantil e Primaria (categoría A); ESO, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas (categoría B) e Ensinanzas Universitarias (categoría C). Todas elas foron valoradas por un xurado composto por sete persoas vinculadas ao mundo da educación e da cooperación ao desenvolvemento e están recollidas na plataforma do Cénit Mapa de Experiencias de Educación para a Cidadanía Global, unha ferramenta que procura xerar un espazo arredor desta pedagoxía crítica.
“Feirón Ama con corazón” , a experiencia posta en marcha polo CEIP Sada y sus Contornos, procura espertar no alumnado unha visión crítica da realidade e a conciencia de que todos e todas poden incidir na construción dun mundo máis xusto, sostible e igualitario. No pasado curso, a iniciativa traballou o consumo reponsable e realizou unha acción directa na localidade: a doazón dos alimentos e diñeiro recollido no proxecto ás Asociacións sen Ánimo de Lucro de Sada. “ A nosa idea é introducir nas dinámicas de centro, e nas programacións de aula, o tema escollido para que o seu impacto no alumnado sexa significativo”, apunta Saavedra.
“Coidados para un mundo global: todxs camiñamos pola mesma senda”, iniciativa do IES Carlos Casares de Viana do Bolo, acolle numerosas actividades nas que participa toda a comunidade educativa que procuran o coñecemento e recoñecemento do mundo global que nos rodea. “Cremos que o coidado das relacións interpersoais é un piar fundamental para acoller a quen nos visita, para crecer como comunidade e para abrirnos ao mundo global”, comenta Villar. O proxecto nace co propósito de preparar ao alumando non só para adaptarse ás situacións que o rodean, senón tamén para liderar os cambios sociais.
“Deseño Social e ambiental Sostible” foi a gañadora da categoría C da man da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña. A experiencia xorde no ámbito da materia Deseño de Moda do 2º curso do Grao de Xestión Industrial da Moda como vía para reflexionar sobre os efectos dos actos de consumo e para propoñer alternativas sostibles, tendo presente que a industria da moda é a segunda máis contaminante do planeta. “O primeiro ano da iniciativa centrouse máis na comunidade universitaria, e neste segundo ano, levamos a cabo tamén actividades que involucraron á sociedade en xeral, buscando crear debate sobre os efectos que teñen os nosos actos de consumo, tratando de potenciar a reciclaxe, a
economía circular e o comercio xusto”, explica Muñiz.