A cidade de Santiago acolle os días 15 e 16 de xuño a segunda edición do Cumio Galego contra o Discurso de Odio. Unha cita que organizamos dende a Coordinadora Galega de ONGD no marco de Compostela+Solidaria, un programa financiado polo Concello de Santiago a través de Unidade de Atención ás Migracións-UAMI.
O Cumio conta tamén coa colaboración da Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Inclusión Universitaria (SEPIU), e das organizacións EAPN-Galicia, Agareso, e Ecos do Sur.
O discurso de odio no ámbito educativo
O obxectivo destas xornadas é entender as dinámicas que sosteñen o discurso de odio en todas as súas formas. Pero tamén achegarnos a recursos, experiencias inspiradoras e testemuños dos que aprender dende dous ámbitos moi concretos: a educación e as organizacións e movementos sociais.
O xoves 15 de xuño o foco estará posto na comunidade educativa, coa ponencia “Educando na diversidade”. Nela participarán Ovidio Villar, docente e impulsor de numerosas iniciativas no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, Sonia Díaz, técnica de Educación para a Cidadanía Global de Agareso, e Marta G. Franco, hacktivista e xornalista do equipo de La Intersección e iniciativas como @nolesdescasito .
Esta actividades completaranse posteriormente con obradoiros para a rapazada, orientados a traballar sobre o discurso de odio. Os talleres previstos son Xeración Contrainfo (Agareso), memes e stickers fronte o discurso de odio (Ecos do Sur) e Tetralemas (Asemblea Cooperación Pola Paz).
Esta primeira xornada é preferentemente para a comunidade educativa e técnicxs de Educación para a Cidadanía Global. Pero a do venres está aberta a todas as persoas que desexen asistir, previa inscrición.
Intelixencia artificial, sesgos e narrativas
O venres 16 o Cumio recibe á xornalista e investigadora Paula Guerra Cáceres, do colectivo AlgoRace-(Des)racializando la IA. Paula presentará o informe “Una introducción a la IA y la discriminación algorítmica para movimientos sociales” nunha charla titulada “A importancia de desracializar a IA”.
Tamén participa no Cumio Vivian Rangel, xornalista, investigadora e docente de maldita.es coa ponencia “A desinformación e a loita contra os discursos de odio en materia migratoria”. Nela abordará como afrontar estas narrativas dende as nosas organizacións ou dende a nosa práctica persoal.
Haberá tempo para participar nun intercambio de experiencias inspiradoras e boas prácticas da man destas organizacións:
- Fagamos – Moito que facer
- Down-Galicia- Guía de estilo
- Érguete – Proxecto “Xeitos de ver”
- Fundación Juan Soñador – Proxecto “Déjame que te cuente
- IGAXES – “Soños”
- Fundación Secretariado Xitano – Litixio estratéxico
- Agareso – Xeración Contrainfo
- EAPN – #ContrAporofobia
- Ecos do Sur – CibeRespect
- Fundación Esplai – #SinPrejuiciosRCM
Tamén participará nesta actividade Ibrahim Bah, autor do libro “Tres días en la arena”, no que narra a vivencia da súa propia migración, tras fuxir de Guinea Conakry por cuestións políticas. Ibrahim Bah participará o venres pola tarde, da man de Agareso, nunha conversa arredor do seu libro na SELIC de Compostela.
Conexión co Sur
Na sesión da tarde poderemos coñecer de primeira man testemuños e estratexias contra o odio desenvolvidas por activistas e colectivos en Latinoamérica:
- Yeni Karina Aguilar é, dende os 18 anos, activista medioambiental e iso, en Honduras, implica
asumir graves riscos. De feito ela está integrada nun programa de protección oficial de defensores que lle ofrece un número ao que chamar en situación de ameaza, pero que non garante a súa seguridade. Para contextualizar ben a súa situación, hai que dicir que Honduras é, segundo Amnistía Internacional, o país máis perigoso de Centroamérica para a defensa do territorio. Dende o asasinato de Berta Cáceres en 2016, alomenos 43 activistas foron asasinados.
- Bea Salazar exerce a súa labor activista en El Salvador, no seu caso a prol dos dereitos
sexuais e reprodutivos das mulleres e, en xeral, contra a violencia estrutural que sofren. A súa labor focalízase na recollida de información sobre asasinatos machistas e violencias contras as mulleres. Ademais, traballa tamén na defensa do dereito ao aborto, nun país cunha lexislación especialmente restritiva e cruel con mulleres e nenas. Bea foi unha das protagonistas da colección Defensoras de Dereitos, concretamente do volume titulado Á procura da luz e ten participado en xiras de concienciación en Galicia.
- Grecia Villalobos é unha muller trans defensora dos dereitos humanos, feminista, docente e
técnica de desenvolvemento territorial e liderado da asociación Comcavis Trans. Unha organización civil que traballa en El Salvador dende o 2008 defendendo os dereitos de todas as persoas LGTBI e doutros perfís sen apoio na procura de igualdade e inclusión. Cabe destacar que El Salvador é un dos países de Centroamérica máis perigosos para o colectivo, exposto a todo tipo de violencias e persecución. Por esta situación, moitas persoas vense obrigadas a fuxir, xerando un fluxo migratorio de especial inseguridade, violencia e dureza.
Tecnoloxía para a empatía
Ademais, a ONGD Ecos do Sur aproveitará o espazo do Cumio para compartir a experiencia de realidade virtual inmersiva The Machine To Be Another. Un proxecto que vén de activar coa organización Be Another Lab e que inicia a súa andaina tras un primeiro contacto co público na última edición da Maker Faire-Galicia, celebrada recentemente en Compostela.
Esta xornada do venres está especialmente dirixida a organizacións e colectivos sociais, pero calquera persoa con interese na comunicación, a tecnoloxía, e educación,… pode inscribirse e participar de balde.
Ademais, no formulario de inscrición hai habilitado un espazo para que, quen o precise, poida indicar que medidas de accesibilidade necesita para asistir e participar nas xornadas.
PROGRAMA DO VENRES 16 DE XUÑO
09:00-09:30 Benvida institucional
09:30-10:30 Ponencia “A importancia de desracializar a IA”. Con Paula Guerra Cáceres (AlgoRace)
10:30 -11:30 Primeira quenda de intercambio de experiencias e boas prácticas. Coa participación de Down-Galicia, Fundación Juan Soñador, Érguete, Igaxes, Fundación Secretariado Xitano e Ibrahim Bah
11.30-12:00 Pausa-Café
12.00-13:00 Ponencia “A desinformación e a loita contra os discursos de odio en materia migratoria” Con Vivian Rangel (maldita.es)
13:00-14:00 Segunda quenda de intercambio de experiencias e boas prácticas. Coa participación de Agareso, Fagamos, EAPN, Ecos do Sur e Fundación Esplai.
14:30-16:00 Pausa para xantar
16:00-17:30 Intercambio de experiencias con Latinoamérica. Coa participación das activistas Grecia Eunice Villalobos, Yenni Karina Aguilar e Bea Salazar
*Os horarios poden experimentar pequenas variacións en función do desenvolvemento da xornada.
Todas as actividades celébranse no edificio CIEDUS (ata hai pouco CEA) da Universidade de Santiago.