O vindeiro 20 de outubro arranca a terceira edición do programa Somos Ponte na cidade de Pontevedra, coa conversa aberta “Cando a cooperación sana”.
Este encontro -que terá lugar ás 18:00 no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra– supón unha ocasión única para coñecer o Proxecto CORESI, co valor engadido de facelo da man das súas protagonistas. Neste caso, as enfermeiras Yesenia Dolores Sauceda, da comunidade hondureña de San Marcos de Colón, e Alia del Río, do Hospital Provincial del Pontevedra.
Que é o Proxecto CORESI?
O proxecto CORESI é froito da alianza entre tres organizacións galegas –Solidariedade Internacional de Galicia, Sólida e Solidariedade Galega– e a hondureña Sur en Acción.
CORESI (Comunidades Resilientes a través del Enfoque de la Salud Integral) naceu no ano 2020 para apoiar o Departamento de Choluteca, na localidade hondureña de San Marcos de Colón.
Dende a visión da cooperación ao desenvolvemento e a perspectiva da atención sanitaria traballan con 25 comunidades do municipio, fortalecendo as capacidades dos profesionais da saúde locais -a través, entre outras cuestións, de procesos formativos e acompañamento de sanitarios galegos-, traballando directamente coas comunidades e poñendo o foco moi especialmente na saúde das mulleres.
O acompañamento e a formación entre profesionais sanitarios realízase como un intercambio no que, trala estadía de profesionais galegas como Alia en Honduras, son as profesionais hondureñas, como Yesenia, quen visitan e coñecen o contexto sanitario galego.
Experiencias en primeira persoa
Yesenia e Alia explicarannos como a cooperación conectou a súa práctica profesional en Honduras e Pontevedra e como este proceso de fortalecemento e acompañamento impacta no desenvolvemento das 25 comunidades de San Marcos de Colón.
Esta charla supón non só a oportunidade de coñecer a cooperación ao desenvolvemento da man das súas protagonistas, senón de coñecer de preto a posibilidade que, a través do SERGAS e do Decreto 29/2017, se lle ofrece aos profesionais da saúde en Galicia de cooperar.
Por iso, esta conversa é de especial interese para profesionais e estudantado de diferentes ámbitos sanitarios e, en xeral, para todas aquelas persoas con curiosidade por coñecer de preto a cooperación ao desenvolvemento e ás persoas que a fan posible.
