O impacto do coronavirus nos países empobrecidos

As persoas máis vulnerables dos países do Sur serán as que sufrirán con maior intensidade as consecuencias sociais e económicas da pandemia

Fonte: IPPDH

Guatemala, El Salvador, Ecuador, Mozambique ou Perú son algúns dos países onde traballan as ONG de Desenvolvemento galegas. O número de persoas contaxiadas e mortas pola Covid-19 nestes territorios aumenta a diario, malia a falta de materiais para levar a cabo probas masivas, e demostra que vivimos nun mundo interconectado. E a pesares de que o coronavirus non entende de fronteiras, serán as persoas máis vulnerables dos países empobrecidos quen sufrirá con maior intensidade as consecuencias sociais e económicas desta pandemia.

No mundo, 1.300 millóns de persoas viven en situación de pobreza. A falta de garantía de dereitos fundamentais como a atención sanitaria, unha vivenda digna e a auga potable (só accesible para 1 de cada 3 persoas no mundo) aumenta o seu risco de contaxio. Ademais, o coronavirus súmase a situación de vulnerabilidade dos países empobrecidos, onde hai sistemas de saúde fráxiles, prevalencia doutras enfermidades como a sida ou a malaria, desigualdade social e empobrecemento, especialmente entre as mulleres e a infancia, e debilidade das estruturas de Estado e as súas economías.

Algúns datos

  • En Honduras hai 0,7 camas de hospital por cada 1.000 habitantes. En Guinea Bissau 1 e en Bolivia, 1,1. No Estado español, 3.
  • En Mozambique hai 0,07 médicos por cada 1.000 habitantes. En Guatemala 0,3 e en Nicaragua, 1. No Estado español, 3,9.
  • Os países centroaméricanos contan con 1.500 respiradores reportados: 2,5 por cada 100.000 habitantes. A Organización Mundial da Saúde (OMS) informou que os respiradores dispoñibles nos servizos de saúde pública de 41 países africanos non chegan a 2.000. E hai países onde a situación é peor: Burkina Faso conta con 11 ventiladores e Sudán do Sur con 4.
  • A malaria, a sida e a tuberculose matan cada ano 3 millóns de persoas, principalmente en África Subsahariana e Asia. As persoas afectadas por estas enfermidades son especialmente vulnerables ao coronavirus.
  • Máis da metade da poboación mundial, o 55% segundo a Organización Mundial do Traballo (OIT), non ten acceso a ningunha prestación social. Segundo a mesma OIT, 6 de 10 persoas activas no mundo traballan na economía informal, a inmensa maioría (92%) en países empobrecidos. A necesidade de ingresos diarios para vivir fai moi difícil o cumprimento das medidas preventivas decretadas polos gobernos coma o distanciamento social ou confinamento.
  • No mundo hai 26 millóns de persoas refuxiadas fora dos seus países de orixe e 41,3 millóns desprazadas internamente. Case dous millóns e medio viven en campos de refuxio sobre ocupados, onde o acceso a auga é moi limitado e a hixiene persoal e o mantemento da distancia social, imposible.

O papel da cooperación ao desenvolvemento
Para frear a expansión da Covid-19 ningún país pode afrontar este desafío só nin tampouco pode ser esquecido. É por iso que as ONGD estamos a demandar apoio internacional urxente para que os países empobrecidos poidan afrontar con garantías a pandemia e as súas consecuencias. Son precisas políticas públicas fortes, sólidas e con suficiente dotación económica para que, ante crises coma estas, se garantan os dereitos de todas as persoas. Para iso é fundamental que os gobernos aposten tamén pola cooperación internacional ao desenvolvemento e impulsen unha política pública de cooperación ambiciosa, dotada de recursos económicos. Os perigos inmediatos e a medio prazo do descenso da axuda internacional poden ser devastadores para milleiros de persoas e traducirse, por exemplo, na suspensión de programas de vacinación ou alimentación en contextos de emerxencia humanitaria ou a imposibilidade de atender ás persoas refuxiadas que malviven en campos en todo o mundo.

En 2017, as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis de 108.000 persoas, a maioría delas mulleres, en 23 países de América Latina, África e Asia, como se recolle no informe O traballo das ONGD galegas no mundo. O acompañamento constante ás organizacións e comunidades dos países do Sur deu como resultado o fortalecemento de estruturas comunitarias que hoxe se están a organizar para garantir a protección social e os dereitos das poboacións máis vulnerables. Algúns exemplos:

El Salvador
As entidades que forman parte do Foro Nacional de Salud – El Salvador están facendo un gran traballo na articulación da emerxencia sanitaria no país e na difusión de información sobre as medidas preventivas e a situación das comunidades rurais. As ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e AGARESO están a acompañar e apoiar a súa estrutura organizativa (promotoras de saúde comunitarias, comités de saúde municipal e comités de saúde departamentais) vital para garantir o dereito á saúde.

Honduras
Enxeñería sen Fronteiras traballa en Honduras fortalecendo a organizacións da sociedade civil e a institucións como a Asociación Hondureña de Juntas Administradoras de Agua y Saneamiento en materia de auga e alimentación para fortalecer a saúde das persoas en zonas rurais, onde os servizos básicos apenas chegan. Faino promovendo o uso da tecnoloxía ao servizo do ben común e a garantía dos dereitos humanos. Co traballo feito ata agora melloraron a capacidade de cumprir coas medidas hixiénicas recomendadas para evitar a propagación da pandemia, aínda que nalgunhas destas zonas seguen a ter grandes eivas no acceso á auga. Por outro lado, a acceso á alimentación a través da promoción da soberanía alimentaria e o apoio aos mercados locais está a asegurar que persoas con moitos problemas de liquidez teñan asegurado un sustento mínimo.

Guatemala
Solidariedade Internacional Galicia traballa no país xunto a distintas organizacións en materia de soberanía alimentaria, hixiene persoal e promoción da saúde en Concepción Chiquirichapa, un municipio eminentemente emigrante. O fortalecementos das capacidades de autoprodución de alimentos está resultando fundamentais agora que a poboación está illada e se está a notar moito a caída das remesas desde Estados Unidos. A promoción da hixiene persoal, familiar e do fogar está sendo imprescindible no actual contexto de confinamento e de aplicación de medidas de prevención sanitarias. As organizacións representativas comunitarias como os Consejos de Desarrollo facilitan que a poboación se organice para solicitar e recibir apoio, especialmente entra as persoas máis vulnerable. O traballo realizado na promoción da soberanía alimentaria está permitindo que as familias produzan os seus propios alimentos, algo fundamental ante a redución de ingresos.

Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala ven desenvolvendo de forma continuada desde o ano 2008 na rexión da Costa Sur de Champerico e Retalhuleu proxectos para mellorar as condicións de habitabilidade e a calidade educativa. A vivenda e a súa contorna están directamente relacionadas coa saúde e a seguridade das familias que as habitan. É por iso que asegurar unhas condicións adecuadas das infraestruturas domiciliares evita a aparición e agravamento de enfermidades crónicas, especialmente enfermidades respiratorias e gastrointestinais que aumentan o grao de vulnerabilidade fronte á pandemia da COVID-19.

Guinea Bissau
A ONG Ayuda, Intercambio y Desarrollo (AIDA) traballa en Guinea Bissau, maioritariamente en proxectos sanitarios co Hospital Nacional Simao Mendes, de referencia no país. Ademais, teñen presencia en centros ambulatorios de todo o país. Desde o inicio da pandemia en Europa todos os esforzos centráronse en contribuír a prever o contaxio do virus xa que o país no ten medios para trata ás persoas enfermas. Colaboraron nunha campaña de sensibilización nas radios comunitarias, promoveuse a compra de 10.000 mascarillas así coma a formación de profesionais sanitarios.

República Dominicana
Os bateyes onde traballan as ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e AGARESO xunto ás organizacións socias son comunidades que hai uns anos non contaban con servizos básicos de auga e saneamento nin con vivendas dignas. Grazas ao apoio e acompañamento levado a cabo no marco dos proxectos de cooperación financiados pola Xunta de Galicia, os bateyes contan hoxe cunha mellor situación para afrontar as consecuencias da pandemia. Entre outras, formáronse grupos de promotoras de saúde que teñen coñecemento da saúde da comunidade e facilitan información sobre como prever enfermidades. As promotoras están sendo actualmente imprescindibles para facilitar información sobre como previr a infección por coronavirus. Por outra parte, as radios comunitarias readaptaron os programas sobre xénero e medio ambiente que se estableceron no marco destes proxectos para sensibilizar sobre a prevención da enfermidade.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: