Pódese contribuír dende o local ás loitas globais? Parece que si, ou iso demostran os máis de 60 proxectos que, dende Galicia, acompañan os procesos de defesa de dereitos das mulleres en 22 países de Latinoamérica, África ou Asia. A loita pola igualdade de xénero é unha responsabilidade de todas. Cantos máis esforzos sumemos, máis batallas se ganarán.
#Loitamostodas é unha campaña posta en marcha para por en valor a importancia do traballo que entidades galegas promoven dende o local co obxectivo de reivindicar, impulsar e protexer loitas de todo o mundo. A igualdade de xénero é un dos obxectivos máis traballados pola cooperación galega. A metade dos proxectos executados polas organizacións están orientados de xeito directo a mellorar a calidade de vida das mulleres. E son elas, tamén, as que impulsan este labor: representan o 62% das persoas socias, o 70% do voluntariado e o 71% do persoal contratado das ONGD galegas, segundo o último informe elaborado.




Todo o aporte, dende cada recuncho, contribúe a ese gran obxectivo común, que é a igualdade de xénero. Desde a Deputación de Pontevedra abonan na defensa da autonomía económica, prevención da violencia e seguridade alimentaria coa financiación neste 2022 dos seguintes tres proxectos:
#loitamostodas en El Corpus (Honduras)

Amigos da Terra puxo en marcha este proxecto co obxectivo de mellorar o exercicio dos dereitos das mulleres rurais nun contexto no que a violencia de xénero é unha das principais problemáticas. Traballaron a igualdade a través do empoderamento económico, da participación social e política, do acceso á xustiza de xénero e da soberanía alimentaria.
#loitamostodas en Cochabamba (Bolivia)

Taller de Solidaridad impulsou este proxecto co obxectivo de fortalecer as capacidades de acceso ao mercado laboral, á promoción de emprendementos e xestión financeira das mulleres indíxenas rurais en situación de pobreza en camiño de aumentar os índices de participación cidadá e de equidade de xénero.
#loitamostodas en San Fernando, Morazán (El Salvador)

Solidariedade Internacional de Galicia traballou para paliar os efectos da economía informal no Salvador, onde o 72% da poboación se emprega neste sector. A entidade promove este proxecto para fortalecer a seguridade alimentaria das mulleres e a súa independencia económica a través de procesos formativos de produción ecolóxica.
Os materiais están dispoñibles para a descarga e son de libre difusión:
Seguimos sumando esforzos xuntas!!

#Loitamostodas é unha campaña da Coordinadora Galega de ONGD, financiada pola Deputación de Pontevedra