A violencia contra as mulleres atravesa continentes, culturas e xeracións, pero tamén xera redes de resistencia e transformación. Desde Palestina a El Salvador, pasando por Honduras e Guinea-Bissau, moitas mulleres loitan polos seus dereitos, fortalecen comunidades e constrúen espazos de protección, educación e esperanza.
En Palestina, a ocupación israelí mantense desde hai máis de sete décadas, deixando unha pegada profunda na vida das mulleres. Khawla D. A. Qaraqe, directora do Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW , ONGD que traballa no apoio psicosocial a mulleres en Palestina, e socia local ou contraparte da ONGD galega Asamblea de Cooperación pola Paz, explica: “Ao longo de xeracións, esta realidade prolongada deixou efectos profundos e duradeiros en todos os aspectos da vida palestina: relacións familiares, cohesión comunitaria, a sensación de inseguridade persoal e colectiva, e mesmo a forma en que a xente imaxina o seu futuro”.
Nesta realidade, a violencia estrutural mestúrase coa violencia patriarcal. “Para as mulleres que son arrestadas polo exército israelí, a violencia patriarcal convértese nalgo vinculado á violencia colonial. Os temores a agresións sexuais, abusos e ao estigma que estes xeran empurran a moitas mulleres ao silencio”, subliña Khawla.
Esta violencia constante limita tamén as oportunidades de estudo e traballo: moitas mozas deciden permanecer preto das súas casas ou seguir carreiras que non desexan para evitar desprazamentos perigosos. Noutras ocasións, as familias ven o matrimonio prematuro como unha suposta forma de protección, iniciando novos ciclos de violencia doméstica.
O PSCCW crea espazos seguros nos que as mulleres poden falar libremente, recibir apoio psicosocial e reconstruír a súa autonomía. Khawla conta: “A través do apoio psicosocial, axudamos ás mulleres a redefinir a percepción de si mesmas, a recoñecer as súas capacidades e usar as súas fortalezas para protexerse e resistir as distintas formas de violencia e opresión ás que se enfrontan”. A labor desta organización é un dos múltiples exemplos do traballo que se realiza da man da Cooperación Galega.
Segundo o informe O traballo das ONGD galegas no mundo (2025), a Cooperación Galgea dedicou o 23% dos seus proxectos no Sur Global ao fortalecemento de organizacións de mulleres, permitindo que a súa participación política e comunitaria se consolide e repercuta no desenvolvemento colectivo.
Dentro da Cooperación Galega, case a metade dos proxectos están orientados directamente a mulleres, que tamén constitúen o 51,3% das comunidades coas que traballa. Esta aposta pola formación, o liderado e o fortalecemento organizativo busca combater desigualdades de xénero presentes en todas as sociedades e tradúcese en cambios concretos nas comunidades do Sur Global.
Redes de apoio en El Salvador
Tamén en El Salvador, a violencia contra as mulleres é persistente e estrutural, agravada pola ineficiencia das institucións. Milagro Alvarado, fundadora de La Colectiva Feminista, contraparte de Agareso, relata: “É ben difícil que as mulleres poidan acceder a servizos de atención nas institucións. En moitas ocasións non as cren cando din que están enfrontando violencia, e hai agresores que son parte de grupos de policía, da forza armada ou persoas de poder dentro das institucións”.
Desde a súa fundación en 2004, La Colectiva traballa para fortalecer o movemento feminista e a voz das mulleres rurais, desenvolvendo programas de formación que lles permiten coñecer os seus dereitos e elaborar axendas de demandas para presentar a gobernos locais e nacionais.
O equipo de Milagro tamén impulsou a aprobación da Lei Especial Integral para unha Vida Libre de Violencia para as Mulleres, que entrou en vigor en 2012.
Dende La Colectiva Feminista traballan na súa implementación, aínda que se atopan con dificultades: “Formamos a xulgados, fiscais e policías para que poidan aplicar a normativa, pero a súa aplicación é lenta e deficiente. Moitas mulleres descoñecen estas leis ou, cando acceden ás institucións, saen desencantadas”, explica.
Para apoiar ás mulleres na saída de ciclos de violencia, crean proxectos comunitarios e económicos que lles permiten gañar autonomía, mentres se traballa con nenas, adolescentes e homes en programas de novas masculinidades e cultura de paz: “Para implementar procesos de transformación e lograr que poidan vivir en entornos seguros, é moi importante involucrar tamén a mulleres novas, a nenas, adolescentes e, tamén, aos homes”, afirma Milagro.
Este ano, Milagro forma parte do programa Galicia Abriga, que ofrece estancias temporais para mulleres defensoras de dereitos humanos ameazadas polo seu activismo. O programa está xestionado por ONGD galegas e financiado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, diversos concellos galegos e o mecanismo europeo Protect Defenders.
Este programa de acollida brinda coidado integral ás mulleres acollidas (aloxamento, saúde, atención psicosocial) pero tamén ofrece unha canle para impusalr accións de sensibilización e denuncia para visibilizar a súa situación. Neste sentido, o Parlamento de Galicia aprobou unha declaración institucional en apoio e solidariedade coas persoas defensoras de dereitos humanos acollidas neste programa.
Mulleres bravas en Honduras
Outro exemplo de iniciativas de fortalecemento pódese ver en Honduras, onde os desafíos diarios afectan especialmente ás habitantes das zonas rurais. A violencia doméstica, as limitacións para acceder á educación e a falta de espazos de decisión condicionan as súas posibilidades de autonomía.
Nancy Yaneth, participante do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia, un proxecto de Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras que conta co apoio da Xunta de Galicia, explica que na súa comunidade é fundamental que as mulleres poidan “tomar decisións por si mesmas” e acceder a formación que lles permita recoñecer os seus dereitos.
Neste marco, combina os seus estudos, o traballo agrícola e o acompañamento a outras integrantes do proxecto, apoiándose mutuamente para seguir estudando, compartindo aprendizaxes sobre violencia doméstica e promovendo prácticas agrícolas sostibles. A súa participación en escolas de campo, redes comunitarias e procesos de incidencia política e ambiental permite que, xunto con outras mulleres, visibilicen alternativas que aseguren a vida e constrúan espazos de apoio e fortalecemento colectivo.
Referentes en Guinea – Bissau
Estas dinámicas de apoio, que se centran na educación, a organización comunitaria e a solidariedade entre mulleres, tamén se observan en contextos como o de Guinea-Bissau.
Segundo o informe UNDP Gender Analysis para o país, as desigualdades de xénero están profundamente arraigadas na estrutura rural e patriarcal, coa predominancia de normas socias que asignan ás mulleres roles domésticos e de coidado, o que limita o seu acceso a educación e participación social.
En efecto, moitas mulleres e nenas abandonan cedo os estudos debido ás cargas domésticas e as tarefas de coidados que lles corresponden tradicionalmente. Xabi Lombardero, técnico de Miradas al Mundo, sinala: “As mulleres acostuman non estudar ou abandonar os estudos moi pronto porque son as que se encargaban de realizar todas as tarefas de coidados: dar conta dos irmáns pequenos, facer a comida, limpar, lavar a roupa… pero co apoio destes proxectos conseguiron saír desa dinámica e acceder a formación universitaria”. Grazas a este acompañamento, Satu Djoco puido rematar os seus estudos e traballar como profesora de gardaría, mentres que Emilia Indjai concluíu a súa formación en enfermaría.
Satu, ademais, reflexiona sobre os obstáculos que tivo que superar: “O meu camiño estudantil foi moi complicado, tiven moitas dificultades a nivel alimentario e financeiro … Vivimos nunha sociedade con moita desigualdade de xénero. As mulleres tamén poden estudar. Eu estou orgullosa da miña profesión e da miña traxectoria, e a miña historia pode servir de exemplo para outras”.
Segundo o mesmo estudo da UNDP, estas desigualdades non só afectan a educación. A análise identifica tamén problemas estruturais no acceso á xustiza, pois moitas mulleres carecen de recursos e de representación para denunciar discriminacións ou violencia, especialmente fóra das zonas urbanas.
As historias de Palestina, El Salvador e Guinea-Bissau evidencian que o fortalecemento das comunidades no que a igualdade de xénero se refire é unha ferramenta esencial para a transformación social. Milagro resume: “Creo que a violencia en El Salvador é un fenómeno latente e permanente, que se agrava con condicións como pouca educación, escaso acceso ao emprego ou oportunidades limitadas de participación. O activismo e o acompañamento permiten ás mulleres resistir, organizarse e construír comunidades resilientes”. Khawla, desde Palestina, reforza a idea da resiliencia colectiva: “Miles de mulleres sufriron situacións similares. A súa resiliencia forma parte do tecido máis amplo da resistencia. Non están soas, e non son atacadas como individuos, senón como parte dun pobo que enfrenta violencia sistémica”.
Cada espazo seguro, proxecto educativo e sesión de apoio psicosocial fortalece redes de solidariedade entre mulleres, favorece a súa autonomía e axúdaas a tomar decisións sobre as súas vidas e a transformar as súas comunidades.
Estas historias mostran como a violencia estrutural e as desigualdades de xénero se entrelazan con contextos sociais, políticos e culturais diversos, e como as mulleres, desde as súas realidades, desenvolven estratexias de resistencia, apoio mutuo e acción comunitaria.
Estes espazos e procesos revelan tanto a súa capacidade de organización como a complexidade dos retos que enfrontan, así como a importancia de construír redes que lles permitan avanzar e participar activamente na vida das súas comunidades.

