Honduras
Defensora da terra

Eva Comesaña e Elmer Castillo
O Golfo de Fonseca bordea O Salvador, Honduras e Nicaragua cunha liña costeira formada por praias, mangleirais e zonas húmidas. Desde os anos 70, este rico e fráxil ecosistema está esmorecendo como consecuencia do avance das piscinas de cría de langostino e a agricultura intensiva para a exportación. Coa permanencia destas empresas extractivistas aumentou a ameaza ambiental e a perda da soberanía alimentaria dos pobos que habitan a zona.
Doris é presidenta da seccional de San Bernardo do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca, en Honduras. O seu traballo consiste en vixiar o territorio e alertar sobre as ameazas e ocupacións ilegais de praias e mangleirais por parte de empresas extractivas que contan coa conivencia das autoridades.
Cando era unha nena, Doris deixou a escola para traballar nunha camaronería. Conta que neses anos alzou a voz polas inxustizas e a falta de dereitos das traballadoras. Hoxe rexenta un negocio propio lonxe do mar pero segue a ter claro que defender os dereitos da súa comunidade é a única forma de resistir, malia os perigos e as ameazas deste oficio.
“A terra é da xente que a habita, non de quen ten poder e cartos”.
Doris forma parte do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna del Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF), unha organización que colabora con Enxeñería sen Fronteiras.